Claudio Giráldez será o adestrador do Celta B as dúas próximas tempadas
Claudio Giráldez será o adestrador do Celta B as dúas próximas tempadas
O técnico do Porriño substitúe á fronte do filial a Onésimo

O Celta B afronta a esixente tempada 2022/23 cun técnico da casa no banco, o porriñés Claudio Giráldez, quen a pasada tempada estivo á fronte do Celta Xuvenil de División de Honra e, ademais de obter uns extraordinarios resultados e ofrecer un fútbol de enorme calidade, propiciou o crecemento e a mellora de moitos dos xogadores ás súas ordes.
Claudio Giráldez dá desta maneira un importante salto na súa carreira como adestrador, que emprendeu nas categorías inferiores do Celta ata o seu paso polo Gran Peña e o Xuvenil de División de Honra celeste. Leva oito campañas consecutivas na canteira céltica, onde dirixiu os dous equipos cadetes e xuvenís.
O técnico chega con Róber Fernández, quen xa traballou con el en etapas anteriores no RC Celta, como segundo adestrador.
Claudio Giráldez substitúe á fronte do filial a Onésimo, a quen o club quere desexarlle un grande éxito no futuro.
O filial celeste someterase desde esta tarde a diversas probas médicas e físicas que se prolongarán durante uns días para arrincar os adestramentos a partir da próxima semana