Claudio Giráldez iguala a Berizzo e busca o récord de Víctor Fernández
Co triunfo en Mallorca, o equipo vigués encadea oito xornadas sen perder, os mellores números dos últimos dez anos
Berizzo estivo tamén oito partidos invicto (15-16), e a mellor marca do club en Primeira División tena Víctor Fernández, con once, na 00-01
Os números do Celta de Claudio Giráldez son extraordinarios e a xeira de oito partidos sen perder coloca o equipo cos mellores números da última década. Comezou o 8 de febreiro na remonta diante do Betis (3-2) e continuou co empate no Metropolitano (1-1). A confianza do equipo medrou, chegaron as vitorias contra o Osasuna, o Leganés, o Valladolid e o Mallorca e os empates ante o Xirona e As Palmas.
A última vez que o Celta conseguira estar oito partidos seguidos sen perder fora na campaña 15-16, con Berizzo á fronte. As oito primeiras xornadas do club vigués deixaron o mesmo balance de cinco vitorias e tres empates, ata que chegou o Real Madrid a Balaídos (1-3).
A mellor serie histórica en Primeira División data da campaña 2000-01, con Víctor Fernández como director de orquestra. Entre o 21 de xaneiro e o 8 de abril o Celta sumou once xornadas sen perder, con sete triunfos, cinco deles seguidos, e catro empates. Houbo outras series que chegaron aos dez partidos, pero ningunha mellorou ese rexistro.
O vindeiro partido do Celta será co Español, xusto antes de afrontar un grupo de partidos de máxima dificultade contra o Barcelona, o Vilarreal e o Real Madrid, tres equipos que están en postos de Liga de Campións.