Ascenden a 23 os mortos en Israel e a 224 en Irán desde o inicio dos bombardeos
Esta luns morreron oito persoas en ataques contra Tel Aviv e Haifa: "Os habitantes de Teherán pagarán o prezo, e pronto", asegura o ministro de Defensa israelí
Teherán pídelle á comunidade internacional que actúe para deter a ofensiva: "Os ataques israelís contra Irán non son unha guerra contra o país, senón contra a humanidade"
O Parlamento iraniano prepara unha lei para abandonar o Tratado de non Proliferación Nuclear

O número de mortos en Israel como consecuencia dos ataques iranianos ascende a 23 tras os bombardeos perpetrados na madrugada deste luns que deixan oito vítimas mortais: tres en Haifa e cinco preto de Tel Aviv. En Petah Tkva, unha urbe situada a dez quilómetros da capital hebrea, pereceron un home duns 80 anos e outras catro persoas de 70 -dous homes e dúas mulleres- tras o impacto dun mísil contra un edificio de vinte plantas.
Ademais, como consecuencia dos bombardeos, 92 persoas foron evacuadas a hospitais, entre elas unha muller en estado grave con lesións faciais, e seis en estado moderado.
Tras os últimos ataques, o ministro de Defensa israelí, Israel Katz, ameazou este luns con tomar represalias contra a poboación civil de Teherán: "Os habitantes de Teherán pagarán o prezo, e pronto", asegurou o ministro, nunha mensaxe en redes sociais.
O responsable acusou as autoridades de Irán de disparar contra obxectivos civís en Israel para tratar de "disuadir" o Exército israelí de manter os seus bombardeos contra a república islámica. Posteriormente matizou as súas palabras e aclarou que Israel non ten intención de danar "fisicamente" a poboación civil de Teherán "como o ditador asasino está a facer cos residentes de Israel", indicou Israel Katz.
A oficina da Embaixada dos EUA en Tel Aviv sufriu danos menores polos últimos ataques iranianos e o impacto de mísiles nas inmediacións do edificio, confirmou o embaixador estadounidense en Israel Mike Huckabee.
Aclara que "non houbo feridos entre o persoal estadounidense". A Embaixada e Consulado dos Estados Unidos en Israel permanecerán pechados hoxe oficialmente hoxe "debido á orde de confinamento".
“Os ataques israelís contra Irán son unha guerra contra a humanidade”, asegura Teherán
A operación despregada por Israel contra Irán o pasado venres con ataques contra infraestruturas militares, enerxéticas e nucleares e contra numerosas zonas residenciais en Teherán deixa polo menos 224 vítimas mortais, a maioría deles civís, e arredor de 1.277 feridos. É o balance que realizan as autoridades sanitarias iranianas despois de tres xornadas de bombardeos.
Entre os mortos atópanse polo menos 17 altos cargos militares iranianos e máis dunha decena de científicos nucleares.
"Os ataques israelís contra Irán non son unha guerra contra o país, senón contra a humanidade", dixo o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Ismail Baghaei, na súa comparecencia de prensa dos luns. O diplomático amosou fotos de iranianos asasinados nos ataques, entre eles menores, e dixo que Israel “está afeito matar nenos inocentes, como fan en Gaza”.
Baghaei pediulle á comunidade internacional que actúe "para poñer fin a estes crimes brutais e desapiadados, para meter presión a esta entidade sionista e obrigala a render contas", e dirixe as súas miradas cara ao goberno dos Estados Unidos que, ao seu xuízo, “é parte desta anarquía e agresión”.
O Exército israelí confirma que xa destruíu máis de 120 lanzadeiras de mísiles de Irán -un terzo do total- desde que comezou a ofensiva na madrugada o pasado venres, bombardeando obxectivos militares e nucleares e matando a alto cargos militares, científicos e civís; e advirte de que aínda quedan moitos "obxectivos" por diante.
O Parlamento iraniano prepara unha lei para abandonar o Tratado de non Proliferación Nuclear
O Parlamento iraniano prepara un proxecto de lei para abandonar o Tratado de non Proliferación Nuclear (TNP) tras os ataques de Israel contra polo menos tres das instalacións nucleares do país persa.
O anuncio fíxoo este luns o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Ismail Baghaei, quen afirmou con todo que Teherán “continúa opoñéndose ao desenvolvemento de armas nucleares”.
Irán uniuse ao TNP en 1970 e afirmou en repetidas ocasións que o seu programa nuclear é pacífico a pesar de que acumula máis de 400 quilos de uranio enriquecido ao 60 %, un nivel próximo ao militar.
As potencias occidentais e a axencia nuclear da ONU teñen moitas dúbidas relacionadas co programa nuclear iraniano e a Xunta de gobernadores do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) aprobou a semana pasada unha resolución contra o país persa pola opacidade do seu programa atómico.