Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco chaves para entender a polémica vertedura de augas de Fukushima

Cinco chaves para entender a polémica vertedura de augas de Fukushima

A operadora da planta estima que o espazo para albergar novos tanques nas instalacións nucleares esgotarase en 2024

A Federación Nacional de Cooperativas Pesqueiras mantén un firme rexeitamento ao plan da vertedura

G24.gal 24/08/2023 10:03

O Xapón comezou este xoves a verter ao Pacífico auga contaminada procedente da accidentada planta nuclear de Fukushima tras ser tratada para retirarlle a maior parte de residuos radioactivos, un proceso que estará supervisado por expertos internacionais para garantir a súa seguridade.

Estas son algunhas das principais cuestións sobre a vertedura, ao que procederon as autoridades xaponesas tras recibir o visto e prace do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), pero que segue contando co rexeitamento da industria pesqueira nipoa, de organizacións ecoloxistas e da China, entre outras voces.

De onde vén a auga contaminada?

Durante a crise nuclear desencadeada polo terremoto e o tsunami de 2011, a operadora da planta comezou a inxectar auga mariña nos reactores para arrefriar o combustible atómico e evitar unha catástrofe maior.

A iso súmase a auga de choiva e dos acuíferos subterráneos que durante todos estes anos penetrou nos edificios danados dos reactores.

Todas estas augas resultan contaminadas tras entrar en contacto cos materiais altamente radioactivos dentro dos reactores, e son logo extraídas e tratadas para retirarlles a maior parte dos elementos contaminantes, e almacenadas en grandes tanques no recinto de Fukushima Daiichi.

Porque se vai tirar ao mar? 

Na central acumúlanse uns 1,34 millóns de toneladas de auga contaminada e procesada en máis dun milleiro de bidóns, unha cantidade que continúa aumentando de forma diaria. Tokyo Electric Power (TEPCO), a operadora da planta, estima que o espazo para albergar novos tanques nas instalacións nucleares esgotarase en 2024.

Ante este problema de espazo, e coa perspectiva de "limpar" de residuos radioactivos a zona que ocupa actualmente a central a longo prazo dentro do proceso de desmantelamento, as autoridades xaponesas estudaron distintas opcións para desfacerse da auga contaminada.

O Xapón decantouse pola vertedura controlada por considerala a opción máis viable e máis segura fronte a outras de máis complexidade técnica e que, segundo os expertos, implicaban ademais maiores riscos, como a infiltración subterránea ou a súa vaporización.

Como se depura a auga?

A auga contaminada é tratada nun circuíto chamado ALPS (sistema avanzado de procesamento de líquidos), capaz de retirar por completo 62 tipos de materiais radioactivos, a excepción do tritio e do carbono-14.

O líquido é procesado tantas veces como sexa necesario neste sistema ata comprobarse que os residuos radioactivos cumpren os límites regulatorios, e a continuación dilúese en auga mariña para rebaixar aínda máis a proporción de tritio, o principal elemento restante na auga.

Quen vixía a seguridade da vertedura?

A operadora da planta toma distintas mostras da auga procesada en distintas fases do sistema ALPS e antes da súa descarga ao mar. Estas mostras serán analizadas pola propia TEPCO e tamén pola OIEA, que conta cun instalacións propias en Fukushima Daiichi para supervisar todo o proceso.

Tomaranse así mesmo mostras de auga mariña, algas, peixes e sedimentos mariños en distintos puntos arredor da central, situada en primeira liña de costa, antes e durante a vertedura. Estas mostras serán analizadas por TEPCO, o regulador nuclear nipón, a OIEA e laboratorios independentes doutros países.

Se se detectan niveis de elementos radioactivos por riba dos límites establecidos polas autoridades nipoas, baseados nos estándares internacionais de seguridade para a industria nuclear, TEPCO procedería a pechar os condutos de auga procesada que desembocan no mar.

TEPCO conta así mesmo con protocolos de seguridade para distintos escenarios que inclúen terremotos, tsunamis, tifóns ou fallos do sistema de procesado, nos que se activaría un peche automático das canalizacións ou se procedería ao seu peche manual para evitar que augas excesivamente contaminadas fosen parar ao mar.

Quen se opón a esta medida?

A Federación Nacional de Cooperativas Pesqueiras mantén un firme rexeitamento ao plan da vertedura. O seu principal argumento é que a medida impedirá que os pescadores de Fukushima poidan librarse do estigma radioactivo que pesa sobre as súas capturas desde 2011.

Tamén se posicionaron contra a vertedura parte da sociedade nipoa, voces da comunidade científica internacional e organizacións ecoloxistas como Greenpeace, que consideran insuficientes as garantías de seguridade presentadas.

Algúns países veciños expresaron tamén inquietude ou protestaron pola vertedura, entre os que destaca A China, que apuntou a un posible endurecemento das súas restricións aos produtos pesqueiros nipóns. O territorio autónomo de Hong Kong prohibiu as importacións deste tipo dunha decena de prefecturas xaponesas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade