Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chile desactiva a alerta de evacuación en Magallanes pero mantén o risco de tsunami

Chile desactiva a alerta de evacuación en Magallanes pero mantén o risco de tsunami

O terremoto de magnitude 7,5 que sacudiu o país tivo o epicentro preto de Puerto Williams

Continúa o estado de precaución en zonas costeiras da rexión

G24.gal 02/05/2025 21:15

O Goberno chileno desactivou este venres a alerta de evacuación na rexión austral de Magallanes.

O aviso emitírase pola mañá tras un terremoto de magnitude 7,5 con epicentro preto de Puerto Williams, na zona máis meridional do país.

Porén, as autoridades manteñen o estado de precaución polo risco de tsunami nas áreas costeiras.

A directora do Servizo Nacional de Prevención e Resposta ante Desastres (Senapred), Alicia Cebrián López, indicou que a ameaza persiste, pero restrinxida á praia e á costa de toda a rexión.

O monitoreo continuará cada hora, segundo as actualizacións do SHOA (Servizo Hidrográfico e Oceanográfico da Armada de Chile).

As autoridades confirmaron tamén a cancelación da alerta de tsunami no Territorio Chileno Antártico, tras observar un aumento mínimo do nivel do mar: 6 cm na base Prat e 23 cm na base ucraniana. 

Evacuación preventiva e seguimento presidencial

O sismo principal ocorreu ás 08:58 horas (12:58 GMT), a 218,1 km ao sur de Puerto Williams e a 10 km de profundidade. Nove minutos despois rexistrouse un segundo tremor, de magnitude 6,1, na mesma zona próxima ao Cabo de Hornos.

Senapred ordenou evacuar o bordo costeiro da rexión de Magallanes e declarou o estado de precaución nas praias do Territorio Antártico. Como medida preventiva, o presidente Gabriel Boric suspendeu a súa axenda e trasladouse ao Palacio de La Moneda para supervisar a situación.

“Chamamos a evacuar o litoral costeiro en toda a Rexión de Magallanes. Nestes momentos, o noso deber é previr e seguir as indicacións das autoridades”, afirmou o mandatario nunha mensaxe pública.

A pesar da magnitude dos sismos, ata o momento non se rexistraron danos materiais nin vítimas, e as autoridades continúan vixiando posibles variacións anómalas no nivel do mar nas zonas afectadas.

Evacuacións tamén no sur da Arxentina

O terremoto afectou con forza o sur de Arxentina, onde as autoridades ordenaron evacuar de forma preventiva a zona costeira da provincia de Terra do Fogo ante unha alerta de tsunami.

A Secretaría de Protección Civil de Terra do Fogo publicou un comunicado con medidas preventivas, entre as que se inclúe a paralización de toda actividade acuática e de navegación no canal Beagle.

As autoridades tamén pediron ás persoas residentes en Puerto Almanza -unha localidade costeira situada a uns 75 quilómetros ao leste de Ushuaia- que abandonasen a zona por prevención e se trasladasen cara a áreas elevadas e seguras.

“Ante este tipo de episodios é importante manter a calma”, sinalou o Goberno provincial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade