Chamamento para doar sangue en Semana Santa
Escasean as reservas dos grupos 0+ e A+ nos hospitais galegos
As 10 unidades móbiles da ADOS van percorrer 40 concellos esta semana
Son dez minutos que poden salvar a vida doutros. Así que se están sans e teñen máis de 18 anos están convidados a doar, sobre todo nestas datas festivas en que baixan as reservas e aumentan as urxencias hospitalarias.
"Están baixas as reservas de A+ e 0+ e sempre necesitamos o 0- que é o donante universal e o que máis se usa en urxencias", explica Carlos Areal, hematólogo xefe da Axencia galega de Doazón, ADOS.
Para facilitar a doazón, as dez unidades móbiles da axencia visitan, entre hoxe e o sábado, corenta concellos galegos. Poden pedir cita previa ou improvisar a visita, ser galegos ou turistas, o importante é estar en condicións de doar.
José María Vázquez, médico da ADOS, incide en que "ten que ser xente sa, maior de idade, sen anemia nin enfermidades infecto contaxiosas. Hai unha exclusión bastante frecuente na xente nova, os pearcings e tatuaxes, teñen que ter pasado catro meses despois de poñelos para doar".
Os que pasaron a covid, deberán agardar unha semana desde a proba negativa, catorce se tiveron febre. Pero non hai que deixar de facelo, porque cada día se precisan 500 doazóns para 2.800 intervencións nos hospitais galegos.