Certificado de vacinación e proba negativa serán necesarios para entrar en Portugal
Esta medida tamén se aplicará na hostalería
A volta ao estado de calamidade será o próximo mércores
Portugal activará o estado de calamidade o mércores que vén. Con el volven vellas restricións que poden influírnos aos galegos se viaxamos o país veciño.
A restrición que máis trastornos pode provocar é a de que se necesita unha proba negativa para aterrar en Portugal. Isto significa que todos os galegos que volverán á casa polo Nadal e escollan o aeroporto do Porto terán que pagar por unha proba de antíxenos ou PCR para presentar no momento do embarque no país de orixe.
Esta esixencia é a maiores do certificado de vacinación como tamén lles ocorrerá a todos eses galegos na ponte de decembro que queiran entrar nun pub ou discoteca deste país. Proba negativa e pasaporte covid.
Por outro lado tamén imos ter que acordarnos de amosar ese pasaporte con dúas vacinas ao entrar nos restaurantes e hoteis, algo que impacta duramente aquí xusto ao lado da fronteira.
Irene é galega, pero traballa nun hotel de Valença do Miño. Para ela ter que pedir o certificado de vacinación en cada reserva afastará posibles hóspedes. A Asociación Nacional de Hostalería portuguesa ve con bos ollos as medidas do goberno pero non todos os responsables dos restaurantes opinan igual.
Portugal grazas á vacinación ten unha das incidencias máis baixas de Europa pero o Goberno quere previr con estas medidas antes de que sexa tarde.