Centos de veciños protestan na Gudiña pola supresión de trens e horarios
Un total de 28 alcaldes das comarcas afectadas na provincia de Ourense asinaron un manifesto de protesta
O alcalde da Gudiña anunciou que o mércores se vai reunir en Madrid co director xeral de Renfe
Centos de veciños manifestáronse este sábado na estación do AVE da Gudiña-Porta de Galicia para protestar pola supresión de trens e horarios.
Na protesta participou o alcalde da Gudiña. Néstor Ogando anunciou que o próximo 28 de maio se vai reunir en Madrid co director xeral de Renfe para trasladarlle o malestar dos usuarios do tren na provincia de Ourense.
Os cambios anunciados polo Ministerio de Transportes no servizo matinal do AVE Galicia-Madrid a partir do 9 de xuño suprimen as paradas das dez e media e das once e media na estación da Gudiña.
"En contraprestación ofrecen un avlo aá 12:08 hroas co cal chega a Madrid ás dúas da tarde para tomar o vermut", di o alcalde.
Os veciños que se manifestaron este sábado na estación esixen a restitución dos dous servizos de primeira hora da mañá.
A Gudiña non é a única localidade prexudicada. O seu alcalde leu un manifesto asinado por 28 alcaldes das comarcas de Conso, Monterrei, A Limia, Valdeorras e Trives. Ogando anunciou unha reunión o próximo mércores en Madrid co director xeral de Renfe.
"Reivindicamos que nos restablezan os dous servizos ata o día 9 e senón negociar, se en vez de ir un tren a Madrid a primeira hora da mañá vai un pois teremos que negocialo"."Se queremos defender o rural temos que ter todo este tipo de servizos claro" engade a tenente de alcalde de Viana do Bolo.
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor critica unha medida que só beneficiaría a Vigo.
"Que se nos repoña un dereito que temos xa conseguido e non que se condene unha vez máis á España baleirada por un capricho dun alcalde que quere que o AVE chegue dez minutos antes á súa cidade".
En Sanabria tamén houbo críticas ao alcalde de Vigo. Unhas 3000 persoas saíron á rúa e concentráronse na estación deste concello zamorano para protestar pola supresión de paradas intermedias anunciada por Renfe.