Publicador de contidos

Publicador de contidos

Centos de persoas piden en Langreo "non mirar para outro lado" na violencia machista

Centos de persoas piden en Langreo "non mirar para outro lado" na violencia machista

Condenaron o asasinato da súa veciña Karilena a mans da súa parella

A vítima tiña 40 anos e tres fillos menores dunha relación anterior

Participantes na manifestación deste sábado. EFE/Paco Paredes
G24.gal 02/02/2025 11:19 Última actualización 02/02/2025 11:48

Centos de persoas concentráronse este sábado no concello de Langreo para condenar o primeiro asasinato machista deste 2025 e pedirlles aos representantes políticos e á sociedade que non miren para outro lado.

A muller asasinada pola súa parella chamábase Karilena, tiña 40 anos e tres fillos menores dunha relación anterior. O seu agresor, de 72, está detido e o luns pasará a disposición xudicial.

Os asistentes á concentración de condena deste crime machista celebrada na praza do concello de Langreo gardaron cinco minutos de silencio.

No acto participaron representantes políticos, incluído o presidente do Principado de Asturias, e tamén de colectivos feministas.

"Todas as persoas que estamos aquí temos a responsabilidade de traballar para que iso acabe, de intervir cando hai situacións de violencia como fixeron onte as dúas mozas que intentaron socorrer a vítima".

O asasinato tivo lugar en plena rúa ás once da noite do venres e diante de dúas testemuñas, dúas mulleres que estaban sentadas nun banco e intentaron auxiliar a vítima, mentres o seu agresor a acoitelaba.

"O mundo é mellor cando hai persoas que non miran para outro lado".

"Fronte aos asasinatos feminicidas temos que levantar a man e dicirlles que non van seguir adiante", dixo Roberto García, alcalde de Langreo.

"Eu non podo deixar de lamentar que a estas alturas haxa xente negacionista, que negue que existe algo que se chama terrorismo machista que mata tantas mulleres e deixa tantos orfos e que aínda hoxe hai silencios cómplices", asegurou Adrián Barbón, presidente do Principado.

No momento do crime, os tres fillos menores de Karilena estaban co seu pai. A delegada do goberno, Adriana Lastra, explicou que vítima e asasino mantiñan unha relación desde hai pouco tempo.

"Non había denuncias previas por malos tratos entre eles".

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas de todos os días e en 53 idiomas diferentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade