Cen identificados e dous detidos nunha operación antidrogas en Santiago
Media ducia de furgóns policiais, acompañados por varias patrullas da Policía Local, iniciaron un operativo sobre as 8:00 horas desta mañá no pub Stilo
Na intervención participaron unidades da UPR da Policía Nacional, unidades de Estranxeiría e tamén a Policía Local, que colaborou en asuntos administrativos
Axentes participan nunha operación policial no pub Stilo de Santiago de Compostela (CEDIDA/EUROPAPRESS)
Unha operación policial desenvolvida na madrugada deste venres na zona do Ensanche de Santiago de Compostela saldouse cun centenar de persoas identificadas, varias actas relacionadas cos estupefacientes e dous detidos por situación irregular en España.
En concreto, segundo confirmaron fontes policiais a Europa Press, levou a cabo de forma coordinada en dous establecementos de lecer nocturno da localidade, o pub Stilo e o TNT.
A primeira das intervencións tivo lugar ás 7:00 horas no pub TNT, situado na rúa Santiago de Chile do Ensache compostelán e, posteriormente, os axentes trasladáronse á rúa Fernando III o Santo.
Alí, tal e como explicaron testemuñas oculares a Europa Press, media ducia de furgóns policiais, acompañados por varias patrullas da Policía Local, iniciaron un operativo sobre as 8:00 horas desta mañá no pub Stilo, onde os axentes permaneceron ata pasadas as 9:15 horas.
Na operación, na que se interviñeron substancias estupefacientes e varias armas brancas - tipo navallas -, participaron unidades da UPR da Policía Nacional, unidades de Estranxeiría e tamén a Policía Local, que colaborou en asuntos administrativos.