O rei reafirma a Zelenski o apoio de España a Ucraína durante o tempo que sexa necesario
Filipe VI transmite o compromiso diplomático, financeiro e militar
Zelenski reúnese coa industria de defensa española, entre elas varias empresas galegas
REUTERS. Violeta Santos Moura.
O rei Filipe VI reafirmou este martes ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que España manterá o seu apoio diplomático, financeiro e militar a Ucraína durante o tempo que sexa necesario e que tamén apoiará o seu proceso de adhesión á Unión Europea.
O xefe do Estado reuniuse con Zelenski no Palacio da Zarzuela dentro da visita oficial do mandatario ucraíno a Madrid.
No encontro participaron, por parte española, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, e o embaixador en Ucraína, Ricardo López-Aranda. Pola parte ucraína asistiu o xefe da Oficina da Presidencia, Andriy Yermak.
Filipe VI destacou os avances de Ucraína no proceso de adhesión á UE, que a Comisión Europea recolleu no informe de ampliación publicado o 4 de novembro.
Esta é a terceira visita do presidente ucraíno a España desde o inicio dos ataques de Rusia en 2022.
A súa axenda comezou no Congreso dos Deputados e continuará esta tarde na Moncloa cunha reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Ao encontro asistirán tamén Albares, a ministra de Defensa, Margarita Robles; o ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu; e o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo. Tras a reunión está prevista a sinatura de acordos e unha comparecencia conxunta ante os medios.
Zelenski reúnese coa industria de defensa española, entre elas varias empresas galegas
Zelenski, mantivo este martes un encontro cun conxunto de 13 empresas españolas do sector da defensa na sede de Indra, que aproveitou a reunión para mostrar as súas capacidades industriais e parte da súa carteira de produtos, entre os que destacan os sistemas antidrón e os radares, segundo indicaron fontes da empresa.
Entre elas, atópanse varias empresas galegas, tales como Urovesa, Marine Instruments e Centum, ademais da madrileña GMV --dona da empresa de nanosatélites de Nigrán Alén Space--.