Celebran o 45 aniversario do primeiro teléfono en Pedrosa, Cualedro
Hai 45 anos inaugurábase nesta aldea a liña telefónica 12 millóns de España
Todo un acontecemento que presidiu o rei Xoán Carlos I, chamando desde a Zarzuela
Os veciños conservan aquel documento que nos remonta a outra época
8 de abril de 1981. A aldea de Pedrosa, en Cualedro, está engalanada. Esperan unha chamada de teléfono excepcional. A primeira da súa historia.
"Ponse a súa maxestade, o Rei". "Alcaldesa, como está?". "Ben, e vostede?". "Alégrome moito de inaugurar esta liña que supón un avance nas comunicacións, sobre todo para esa querida Galicia" -reproduce a conversa entre Xoán Carlos I e a alcaldesa Marina Cuquejo, xa falecida.
Regresamos, 45 anos despois, nun solleiro día de agosto. En vésperas das festas da aldea, que se celebran a próxima fin de semana, a comisión, integrada polos mozos do lugar, quixo rescatar este documento histórico. Conseguiron unha copia incompleta, en VHS. Dixitalizárona, e saíu a maxia.
Adrián Lorenzo, membro da comisión de festas: "Cando sae a aldea ao principio, e tanta xente. Eu vin a miña bisavoa por primeira vez no vídeo, que non a coñecía".
As máis novas daquel día están hoxe aquí para contalo.
"Estaba embarazada. Dei a luz o 19 dese mesmo mes. Citáronnos aquí. Estabamos todos na rúa".
"E despois fixeron unha exposición na praza de arriba, de como se traballaba o liño, a la... e estiven mirando emocionada", comentan María Álvarez e Manuela Rodríguez, que tiñan 18 anos cando inauguraron a liña.
A antiga taberna é hoxe en día unha casa particular, pero conserva a cabina telefónica e o espazo trasládanos a aquela época en que falar polo teléfono non era un asunto privado.
Óscar Lorenzo, o seu avó era o dono da taberna: "Chamaba por teléfono e dicíanlle ao meu avó, 'vai chamar a fulanito, que en media hora chamo', e el ía".
Daquela, moitas familias vivían separadas pola emigración. Milleiros de quilómetros de distancia que salvaron coa liña telefónica.
"Cando eu estaba de moza co meu home, el estaba en Ourense e eu na aldea, e todo era por carta. Non había outra maneira de comunicarse. Cada semana, unha carta". "E eu, esperando a dar a luz, en contacto co marido, que estaba en Francia", explican María e Manuela.
Na era dos teléfonos móbiles e das comunicacións multimedia, os veciños de Pedrosa aínda teñen gravado aquel número na memoria. "Era 988 42 45 19", sorrí Óscar.