CCOO anuncia que denunciará o alcalde de Ourense por empurrar unha sindicalista
O sindicato CCOO anuncia accións legais contra o alcalde da Ourense pola agresión deste martes á sindicalista Lola Panero. Así o indicou a secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, nunha conferencia de prensa.
Esta tarde, o sindicato convocou unha sentada na praza Maior para mostrar a súa "repulsa" á constante "actitude antidemocrática" de Jácome, líder do partido Democracia Ourensá.
O sindicato fixo tamén un chamamento ao líder do PPdeG.
"Rueda ten que tomar a primeira decisión do seu mandato", indicou Pérez. "Debe pronunciarse sobre que vai facer na cidade de Ourense, se vai dar sustento ao señor Jácome para seguir sendo alcalde".
A dirección comarcal de Esquerda Unida de Ourense condenou a agresión e esixiu que “se depuren responsabilidades” polo ocorrido.
O PSdeG de Ourense anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Concello, Deputación provincial e Parlamento de Galicia para pedir a reprobación do rexedor municipal e solicitar a súa “dimisión inmediata” despois de que este martes o alcalde empuxase a unha sindicalista durante unha protesta.
Nunha comparecencia de prensa celebrada este mércores, a parlamentaria autonómica Mariña Ortega defendeu a necesidade de “blindar a calidade democrática” e pediu ao PP “un paso á fronte” á hora de condenar este tipo de comportamentos.
O PP, que é o socio do goberno de Jácome, condenou a actitude do rexedor municipal.
O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, advertiu de que a agresión a unha sindicalista "non cabe na vida pública, non hai ninguna escusa posible".
O alcalde "tiña moitas posibilidades de reaccionar. Creo que elixiu a peor de todas", comentou o líder do PPdeG, Alfonso Rueda.
Alleo ás críticas, o alcalde di que ten previsto reunirse coa empresa e cos traballadores nas vindeiras horas para mediar no conflito.