Catro coches calcinados no incendio declarado no aparcadoiro do Orzán
Unha avaría mecánica nun dos vehículos, probable orixe do lume
Coa luz diúrna, os propietarios dos coches estacionados no aparcadoiro subterráneo do paseo marítimo da Coruña puideron comprobar se os seus vehículos estaban entre os catro que quedaron calcinados no incendio da noite do venres.
Seguramente non servirá de consolo para as persoas afectadas, pero os catro vehículos queimados son un mal menor se pensamos no potencial dun lume que se controlou con rapidez grazas á intervención eficaz dos bombeiros. Non houbo danos persoais.
Unha avaría mecánica nun vehículo é a orixe máis probable das lapas. Os pneumáticos queimados provocaron un fumazo mesto e escuro que se estendeu con velocidade polo aparcadoiro e chegou á superficie a través das reixas de ventilación.
Nos labores de extinción participaron catro dotacións dos bombeiros. O incendio quedou extinguido en dúas horas. Durante o tempo que durou a intervención, a Policía Local mantivo pechados os accesos ao subterráneo e cortou un carril de circulación no paseo marítimo.