O xornalista e profesor Xosé López 'Morgan', premio Diego Bernal
O xurado destaca a súa "dilatada traxectoria", tanto no seu traballo na prensa escrita como na docencia "formando xeracións de profesionais"
A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou conceder o Premio Diego Bernal 2027 ao xornalista, doutor en Historia e catedrático emérito de Xornalismo da Universidade de Santiago Xosé López García, tamén coñecido como Morgan.
O xurado valorou "a súa dilatada traxectoria no mundo da comunicación ao longo de case cinco décadas, en practicamente toda as súas vertentes, que o converten nun dos referentes máis solventes no coñecemento da profesión".
Destaca, ademais, que López comezou traballando en diversos medios de prensa escrita, para incorporarse logo á docencia universitaria na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde se converteu en doutor e catedrático, "formando a xeracións de profesionais, etapa na que sobresae na solvencia do seu maxisterio".
Xosé López García, nado en Lugo en 1956, é xornalista, catedrático emérito de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, e doutor en Historia.
Durante vinte anos exerceu o xornalismo en medios impresos galegos, entre eles A Nosa Terra, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, xornal este último onde dirixiu durante oito anos a súa delegación en Santiago de Compostela.
Entre 1994 e 2026 coordinou o grupo de investigación Novos Medios da USC, que estuda o impacto da tecnoloxía no Xornalismo e nos procesos comunicativos, e que puxo en marcha varios produtos informativos na rede.