Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro incendios activos na provincia de Ourense levan queimadas máis de 2.300 hectáreas

Catro incendios activos na provincia de Ourense levan queimadas máis de 2.300 hectáreas

Mantense o nivel 2 no incendio de Boborás por prevención

No incendio do Irixo xa se queimaron 680 hectáreas e 120 no de Boborás

Detido un veciño de Coristanco acusado de provocar un incendio forestal no propio municipio

G24.gal 11/08/2022 09:37 Última actualización 11/08/2022 15:14

A provincia de Ourense está a ser nestes momentos a máis castigada polos incendios forestais.  Case 2.000 hectáreas calcinadas nas últimas 24 horas.

Na provincia seguen activos catro Incendios: Chandrexa de Queixa, Carballeda de Valdeorras, Laza e o do Carballiño e O Irixo, malia que a chuvia de onte, e que está a caer nalgunhas zonas, foi providencial para axudar a estabilizar e controlar os incendios.

O incendio de Boborás leva queimadas 120 hectáreas. Para este incendio a Xunta decretou nivel 2 como medida preventiva na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro.

Un dos máis complicados afectoulle aos concellos do Irixo, O Carballiño e Boborás, e mesmo se achegou ao veciño municipio pontevedrés de Lalín. A proximidade das lapas ás casas obrigou a activar a situación 2 de emerxencia no distrito forestal O Ribeiro-Arenteiro e a realizar desaloxos preventivos. 

O lume obrigou a cortar por momentos algunhas estradas e tamén a conexión ferroviaria entre O Irixo e Lalín. A situación mellorou a media tarde  grazas as condicións meteorolóxicas.

Sospéitase que este incendio que lle afectou ao Carballiño e Boborás, que segue activo, se iniciou polas chispas que saltaron ao paso do tren. De feito xurdiron 7 ou 8 focos ao longo da vía.

Os incendios de Boborás e do Carballiño, a Xunta pasa a considerar os varios focos un só lume. O lume de Boborás leva queimadas 120 hectáreas e o do Irixo xa arrasou 680.

O alcalde do Carballiño contaba como estaba a situación esta mañá no Bos días, que os traballos se están centrando en arrefriar os perímetros e que axudara a chuvia da noite para comezar a estabilizar o incendio.

Desactivada a situación 2 no concello de Laza

No macizo central ourensá arderon máis de mil hectáreas entre os concellos de Laza e Chandrexa de Queixa. O alcalde de Laza confirmaba nas últimas horas que xa está controlado, despois de arderen máis de 1.350 hectáreas só no seu municipio e non ten dúbidas de que foi intencionado porque o lume iniciábase na serra da Queixa e á hora e media aparecían catro focos na serra da Camba ao mesmo tempo. A primeira hora da tarde activábase a situación 2 preventiva pola proximidade das lapas o núcleo de Taboazas, xa no concello limítrofe de Chandrexa de Queixa.

Unha chuvieira ás oito da tarde axudou nas tarefas de extinción e xa se desactivou o nivel 2 de alerta ao remitir o perigo para as casas.

Este incendio de Chandrexa leva calcinadas 200 hectáreas.

Estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras

Nas últimas horas quedaba estabilizado o incendio que leva arrasadas 440 hectáreas da parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. 

O incendio de Verín quedou extinguido ás 22:53 horas do mércores. Nel arderon 600 hectáreas.

Na provincia de Pontevedra quedou extinguido contra as 23 horas o incendio de Xustáns, en Ponte Caldelas, que era o único que estaba ardendo na provincia. Arderon 380 hectáreas.

Na provincia da Coruña  quedan un incendio controlados e un estabilizado

Na provincia da Coruña hai un incendio forestal controlado nas Pontes, onde levan ardidas 105 hectáreas. Tamén no concello das Pontes, o incendio de Vilavella, quedou extinguido contra as 24:30 horas. Este lume queimou 60 hectáreas, delas  9 eran arboradas e o resto monte raso.

O incendio de Boiro está estabilizado, en Cures, e xa leva queimadas 2.200 hectáreas.

Detido un veciño de Coristanco acusado de provocar un incendio forestal

Detido un veciño de Coristanco acusado de provocar un incendio forestal no propio municipio. Non foi de grandes dimensións, pero produciuse a apenas 300 metros das casas do lugar de Vilaverde-Cereo. Ao parecer o detido ten problemas de convivencia cos demais veciños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade