Carlos Vicente: "Temos que ir con calma pero sabendo que non podes ir relaxado"
O futbolista maño foi nomeado como mellor xogador do Racing do pasado abril e suma xa un total de catro distincións deste tipo
O 2023 está a ser o ano de Carlos Vicente. O extremo maño de 24 anos, que recalou esta tempada no Racing procedente das filas do Calahorra, terminou de explotar todo o seu potencial ao longo desta segunda volta e postúlase como o segundo máximo goleador da escuadra ferrolá, con oito dianas.
Ademais, o futbolista foi nomeado como mellor xogador do pasado abril e suma xa un total de catro distincións deste tipo ao longo da campaña. O xogador, que se converteu nun dos ídolos da bancada, apela con todo ao valor do colectivo por encima de calquera individualidade no ecuador da semana máis clave para o equipo:
"É outro mes máis no que din o mellor de min e ao final chegaron os resultados, pero sinceramente teño pouco a cabeza nos premios e estou coa mente posta no sábado", destaca Carlos Vicente, que defende ademais que o equipo traballou para poder culminar a tempada da mellor maneira posible.
"Son moitos adestramentos e moitos partidos e merecemos pechalo aí arriba", valora o xogador maño.
Sobre o duelo do sábado fronte ao Celta B, que podería catapultar ao Racing á Segunda División pola vía rápida e sen necesidade de disputar o playoff, o xogador apunta a que a situación de depender de si mesmos para lograr o obxectivo é inmellorable:
"Todo o mundo pagaría por estar na nosa posición e temos que ir con calma, tranquilos. Sabendo que nos xogamos cousas porque tampouco podes saír moi relaxado ao partido e tendo en conta que eles son un equipo que tamén se xogan as cousas", subliña.