Carlos Mouriz, na Radio Galega: "Nunca ratifiquei un adestrador porque é o anticipo de botalo"
Carlos Mouriz, na Radio Galega: "Nunca ratifiquei un adestrador porque é o anticipo de botalo"
O Director Xeral do Racing pasou polos micrófonos da Radio Galega para analizar o momento delicado que vive o club
"Se as situacións son as que son, todos sabemos o que pasa no fútbol", asegurou sobre a continuidade de Cristóbal
O Director Xeral do Racing de Ferrol Carlos Mouriz pasou polos micrófonos da Radio Galega para analizar a difícil situación que vive o club despois da derrota por 1-5 contra o Oviedo. "A situación é mala, complicada e difícil. Temos que facer o que sexa para saír dela. A preocupación é a deportiva. O equipo ten que cambiar de imaxe. Non se pode perder do xeito que perdemos o outro día", comezou comentando.
Diante da pregunta sobre a continuidade de Cristóbal Parralo, Mouriz non se quixo mollar: "A ratificación dun adestrador é o anticipo de botalo. Nunca ratifiquei un adestrador. Cristóbal é unha persoa de fútbol, é o primeiro interesado en que as cousas lle vaian ben. Pero se as situacións son as que son xa sabemos o que pasa no fútbol. Hai unha marxe, tempo para cambiar algunha cousa a partir de xaneiro, recuperar algún xogador dos mancados".
Mouriz confía en darlle a volta á situación e en que o Racing comece a sacar a cabeza do descenso.