Carlos López e Canedo marcan a diferenza entre o Bergantiños e o Ourense C. F.
O derbi quedou en Carballo grazas a unha feroz saída do Bergantiños. Protagonizou uns primeiros dez minutos incribles nos que se envorcou na meta do Ourense.
Marcou Carlos López, quen senón, o seu noveno gol no que vai de temporada. O máximo realizador da categoría aproveitou o erro da defensa rival. Era o minuto 7 e era xa a terceira oportunidade clara para os de Lemos.
O seu dominio continuou, pero foise atenuando. Na segunda parte, incluso virou a decoración. O Ourense buscou o empate pero atopouse cun valado, o de Santi Canedo, que realizou varias intervencións meritorias. Especialmente complicada foi a súa parada na acción en que o desvío de Manu Rodríguez semellaba medio gol.
O empuxe inicial e o virtuosismo do seu porteiro valéronlle ao Bergantiños para conseguir unha vitoria que o coloca a só un punto do Ourense.