Cáritas axuda os mozos en situación vulnerable a atopar vivenda e oportunidades de traballo
Desde Cáritas fan tamén un acompañamento nas vivendas cunha traballadora social e unha psicóloga
Atopar unha vivenda non é doado. É máis complicado aínda para as persoas en situación máis vulnerable. Así que, para axudalas, Cáritas conta cun programa de vivendas sociais a través do que lles buscan un teito e traballan tamén para asegurar a súa inclusión social.
"Uns dos elementos máis alarmantes é que os usuarios son todos menores de 35 anos", indican no programa de vivendas de Cáritas.
Reyes chegou desde Guinea a Ferrol cunha bolsa de estudos de posgrao. Instalouse na residencia universitaria, pero cando chegou o momento de marchar tivo que enfrontarse ao problema de atopar unha vivenda.
"Foime difícil porque o mercado inmobiliario pide moitos requisitos. Por iso accedín a Cáritas, e grazas a esa vivenda puiden financiar os meus estudos e agora estou en busca activa de emprego", afirma Reyes Obono.
Soufiane é magrebí e leva un tempo sendo voluntario de Cáritas. Tamén accedeu a unha das sete vivendas sociais que a organización ten en Ferrolterra.
"Agora o meu traballo é só voluntario, aínda que estou facendo un curso de acceso ao mercado laboral", explicou Soufiane.
Comparte piso con outros dous mozos, outro magrebí e un cubano.
"Coñecin Cáritas por unha situación difícil. Foi algo completamente positivo, xa que me axudou a deixar a incerteza de non saber onde vas a estar ou canto tempo poderás quedar nun sitio", indicou Juan Carlos Gutiérrez.
"O que facemos é acompañar as persoas durante o proceso. É dicir, non só o fin de acceder ao aloxamento, tamen empezar con obxectivos como mellorar a súa empregabilidade, acceder a cursos de formación, e apoiar nenos e nenas en caso de familias", sostén Cristina Pereiro, técnica de Cáritas.
Ademais, desde Cáritas fan tamén un acompañamento nas vivendas cunha traballadora social e unha psicóloga.