OPINIÓN
Captar investimento, crear industria, por María Bastida
Atraer industria xa non é, simplemente, traer unha fábrica. Nunha economía organizada en cadeas globais de valor, pode significar captar calquera parte do proceso: ensamblaxe, loxística, compoñentes, servizos ou tecnoloxía. A clave é que non todas esas partes xeran o mesmo valor nin deixan a mesma pegada no territorio. Por iso xa non abonda con falar de investimento e emprego. A cuestión relevante é se os proxectos son capaces de xerar contido local, incorporar provedores galegos, atraer tecnoloxía e consolidar novas capacidades industriais. Aí está a diferenza entre unha implantación útil e unha operación realmente transformadora.
Neste punto, a Consellería de Economía parece ter clara a dirección: non se trata tanto de que cheguen proxectos como de que arraiguen. E esa distinción é fundamental. Atraer industria hoxe esixe saber que se quere atraer, que condicións deben acompañar o investimento e que retorno económico, tecnolóxico e laboral debe producirse para Galicia.
Iso implica negociar ben. Se unha empresa recibe acompañamento institucional, facilidades de implantación ou apoio público directo ou indirecto, o razoable é esixir compromisos verificables. Tamén hai un desafío evidente de talento. Galicia non pode aspirar a unha industria avanzada sen unha estratexia igualmente avanzada de cualificación. A formación profesional, a universidade e a empresa teñen que anticiparse ás necesidades reais destes proxectos. En sectores industriais tensionados, o capital humano pode ser tan decisivo como o solo, a enerxía ou a loxística.
A industria que interesa non é a que simplemente aterra nun territorio. É a que crea tecido, eleva capacidades e deixa coñecemento, emprego cualificado e actividade duradeira. Galicia non debe presentarse só como un territorio necesitado de investimento, senón como un territorio cunha estratexia propia e con capacidade para condicionar o investimento que atrae. Benvidos os investimentos, pero cunha condición clara: que queden en Galicia capacidade produtiva, tecnoloxía, emprego de calidade e valor engadido. Esa é a base dunha verdadeira estratexia industrial.