Cantos cartos levamos enriba? Só o 57 % dos españois usa efectivo diariamente
A pandemia e a tecnoloxía reduciron o uso do diñeiro físico, pero a apagada de abril fixo saltar as alarmas
O Banco de España constata que cada vez se empregan menos billetes e moedas como medios de pagamento
Estados como Francia ou Países Baixos recomendan que a xente inclúa efectivo nun posible kit de emerxencia
46 euros. Esa e media, segundo o Banco de España, dos cartos en efectivo que cada un de nós leva enriba no día a día. As enquisas demostran que é cada vez menos. En 2023, o 65 % dos españois usaba billetes e moedas diariamente. Nun ano, a porcentaxe caeu ao 57 %. O efectivo segue a ser o medio de pagamento máis empregado, sobre todo para as pequenas compras, pero medra o uso da tarxeta ou a través do teléfono móbil.
Os hábitos teñen moita relación coa idade: os máis novos empregan menos diñeiro físico e pensan que se deixará de utilizar progresivamente; os maiores de 55 anos seguen levando consigo moedas e billetes. A pandemia da covid e os avances tecnolóxicos frearon a circulación de cartos en efectivo pero a tecnoloxía, precisamente, púxonos ante un paradoxo.
A grande apagada do 28 de abril pillou moita xente sen cartos, pero tamén sen poder pagar con tarxeta nin co móbil e sen poder sacar fondos dos caixeiros.
"Si, hai xente que cando non funciona o teléfono non pode pagar", relata Delmiro Vidal, o xerente da panadaría Tahona Colmeiro de Vigo. "Se os coñecemos, pagan ao día seguinte, tomámoslles os datos. Pero é un problema: se falla a tecnoloxía, quedamos tirados".
Estados como Francia recomendan incluír efectivo nun posible kit de emerxencia para situacións de crise. O Banco Central dos Países baixos acaba de facer o mesmo e suxire cifras concretas: 70 euros por adulto e 30 por cada menor de idade.