O Racing rabuña un punto de Alcorcón nun final de partido de tolos (1-1)
Cantero parou un penalti a Chiki no minuto 70
Iker Losada adiantou o Racing no 91, pero Dyego Sousa empatou no 93
Continúa a liña de seguridade do Racing neste primeiro mes de competición na Segunda. Terceira saída sen perder. E puido ser un mellor resultado porque no minuto 91 Íker Losada marcaba un gol que adiantaba os racinguistas. Pero na seguinte xogada o Alcorcón atopou o acerto que lle faltou nunha segunda parte na que fallou un penalti.
A primeira media hora foi de escasas ocasións. O Racing controlaba e comezou a estirarse contra o 28 cando Sabin Merino gozou dunha grande ocasión. Señé e Héber tamén tiveron boas oportunidades antes dun descanso ao que mereceron ir en vantaxe.
Na segunda parte cambiou a decoración. O Alcorcón foi un equipo de máis presión e ambición que meteu os ferroláns no seu campo. Apenas tiveron saídas na ofensiva e sufriron para manter o cero no seu taboleiro. Tampouco é que tiveran grandes ocasións pero no 70 gozaron dun penalti. Cantero resultou decisivo ao deterlle o penalti a Chiki dun xeito máis que curioso.
Ninguén imaxinaba o que ía acontecer no engadido. Losada empurrou á rede unha gran xogada de Carlos Vicente no 91. O Racing tiña a vitoria no peto pero no 93 foi Dyego Sousa o que empatou para o Alcorcón.