Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cando a Internet supón un problema para os adolescentes

Cando a Internet supón un problema para os adolescentes

Un informe de Unicef apunta a que un de cada tres rapaces fai un uso conflitivo das pantallas

G24.gal 05/12/2021 14:37

O confinamento disparou o uso das novas tecnoloxías entre os adolescentes, pero un informe recente de Unicef España advirte das vantaxes, pero tamén dos riscos, que ten o emprego da Internet e das redes sociais entre os rapaces de once a dezaoito anos. E é que un de cada tres enquisados amosa comportamentos lindeiros coa adicción ás novas tecnoloxías e un de cada cinco podería estar enganchado aos videoxogos. Algúns indicios poderían poñer en alerta os pais, tal como o indica Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG):

"Cando deixan de ler,  practicar deportes, saír cos amigos... cando están todo o tempo pendentes do móbil e non atenden ás mensaxes de atención dos seus pais, etc. É importante que os pais teñan ferramentas, coñecementos e capacitación para detectar cales poden ser estes comportamentos de risco".

Os mozos poden caer nas ameazas das apostas online e do xogo, máis de setenta mil usaron as redes para isto. Pero o informe tamén incide en cuestións como a exposición a contidos sexuais, xa que máis dun corenta por cento dos rapaces asegura que recibiu mensaxes de contido explícito ou mesmo estar sufrindo ciberacoso por parte de compañeiros ou coñecidos. O ámbito familiar e o educativo son fundamentais para detectar estes problemas.

"O mundo cambiou e temos que adaptar tamén a educación a este novo contexto tecnolóxico, -asegura Fernando Suárez-. Os pais e nais temos unha responsabilidade importante. Non temos que ser tecnólogos senón coñecer o mundo no que os seus fillos están a vivir. Trátase polo tanto tamén de dar estas pautas de uso".

O estudo pretende concienciar os adolescentes mais tamén os pais das consecuencias do mal uso das novas tecnoloxías. E é que só un de cada tres proxenitores poñen algún tipo de limitación ou norma aos seus fillos para acceder a Internet. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade