Campaña 'Móvete seguro': repartiranse máis de 10.000 chalecos reflectores ata finais de ano
A campaña foi presentada na localidade coruñesa de Ordes, onde se repartiron chalecos reflectores entre os peóns
Concienciar os peóns de que poñer un chaleco reflector pode salvarlles a vida. Xunto cos ciclistas, son o colectivo máis vulnerable entre os usuarios das vías. De feito, os atropelos superan este ano o cento.
De aí que entre os meses de novembro e decembro a Garda Civil de Tráfico de Galicia colabora coa asociación STOP Accidentes na nova campaña 'Móvete seguro'.
A campaña foi presentada esta mañá na localidade coruñesa de Ordes, onde se repartiron chalecos reflectores entre os peóns. Co obxecto de aumentar a seguridade viaria, o uso dos chalecos permite que os condutores poidan detectar a presenza de peóns de 20 a 150 metros de distancia, aumentando así a súa marxe de reacción.
O aumento da sinistralidade nas últimas datas, unido á redución do horario de luz e ao empeoramento do tempo que reduce a visibilidade durante as datas outonais e invernais, fai que se poña maior énfase no uso dos chalecos reflectores entre os viandantes.