Camiñar para acadar fondos para a investigación do cancro infantil
Camiñar para acadar fondos para a investigación do cancro infantil
Foron catro etapas entre os hospitais de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo
O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi hoxe a meta dunha carreira solidaria que recada fondos para a investigación oncolóxica infantil. A iniciativa partiu de Antonio Figueroa, o pai dun neno que superou un cancro.
Este domingo foi o da última etapa desta carreira sen dorsais que achega un euro por quilómetro andado á loita contra o cancro infantil. O recadado irá á organización Somos, Bicos de Papel e á investigación en curso do hospital Sant Joan de Deu de Barcelona.
Esta historia da andaina comezou xusto antes da pandemia, cando ao fillo de Antonio, Anxo, lle diagnosticaron dunha leucemia no Álvaro Cunqueiro. Anxo foi dese 80 % que si sandou.
Despois de dous anos de duro tratamento, Antonio, seu pai, mobilizou cinco amigos para visibilizar a necesidade de tratamentos que acaden a curación do 100 % dos cancros infantís. E isto só se acadará coa investigación, e polo tanto, con investimento.
Despois de tres etapas pasando polos hospitais de Lugo, Ourense e Santiago, 412 quilómetros, a carreira rematou no hospital Álvaro Cunqueiro, onde Anxo, de catro anos, recibiu tratamento. Entrou nos brazos do pai aplaudido polos outros camiñantes no medio da emoción e da esperanza de que todos os pequenos enfermos de cancro teñan cura, coma Anxo.