Cambia o currículo de primaria: desaparecen as cualificacións numéricas e faise fincapé nos valores
O próximo curso académico terá cambios en primaria. Os nenos estudarán educación afectiva e sexual, igualdade e respecto ás minorías e á identidade de xénero. Será obrigatoria a materia de valores cívicos e desaparecen as cualificacións numéricas.
As tradicionais notas do 0 ao 10 desaparecen. As notas irán do suspenso ao sobresaínte. Só se poderá repetir unha vez ao final de cada etapa educativa. Os cambios implantaranse o curso que vén en primeiro, terceiro e quinto, e un ano máis tarde no resto.
Deixan de ensinarse, por exemplo, os ditados, a conxugación dos verbos, as regras de tres e os números romanos. As matemáticas terán un novo sentido socioafectivo. A relixión perde peso e haberá unha materia de valores cívicos e éticos.
A desaparición das notas numéricas desaparecen e algo que non convence a todos os docentes. "A cultura do esforzo estase deixando a un lado. Vaise prexudicar o alumnado que está entre o 6,7,5. Vai dicir: 'Para que me vou esforzar se vou pasar igual'", di Antonio Leonardo Pastor, director do CEIP Curros Enríquez.
As novidades comezarán a implantarse o curso que vén en primeiro, terceiro e quinto. Dende as asociacións de nais e pais non entenden a urxencia.
"As leis educativas deberían implementarse os cambios con máis tempo afectando a xeración completas e non a anacos de xeracións como vai afectar este", asegura Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas.
Dende a Consellería de Educación tamén critican os prazos. Pídenlle ao Goberno que cumpra os tempos pactados para a aprobación dos currículos. "Este currículo debería estar aprobado hai tres meses. Temos dous aprobados, infantil e primaria. Seguen faltándonos dous, ESO e BAC", critica Román Rodríguez, conselleiro de Educación.
Dende os sindicatos educativos consideran imprescindible formar os mestres para as novas competencias. "O profesorado precisa formación, debate, interiorizar os cambios", di Luz López, secretaria xeral de CCOO Ensino en Galicia.
O Consello de Estado cre que vai ser difícil levar á práctica o novo currículo.