Calvo pide por carta ao Goberno que “reconsidere” a supresión de xulgados de instrución
Insiste en que os xulgados de instrución da Coruña e Vigo son fundamentais para xestionar a carga xudicial
Demanda ao ministro que explore alternativas que permitan dotar de recursos suficientes os xulgados especializados sen debilitar a estrutura xudicial

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, enviou unha carta ao ministro de Xustiza, Félix Bolaños, para que reconsidere e rectifique a decisión de suprimir os xulgados de intrución de Vigo e A Coruña, tal e como fixo noutras rexións.
Así o pediu despois de que o BOE oficializara a semana pasada catro novas seccións especializadas en violencia sobre a muller para Santiago, Ourense, A Coruña e Pontevedra, estas dúas últimas á conta de eliminas as prazas de instrución.
Tras a publicación, o servizo de inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) informou en contra da proposta de suprimir un xulgado de intrución en Benidorm, para transformalo noutro de Violencia sobre a Muller, ante o que o Goberno rectificou. Dende a Xunta reclaman ao Goberno que “reconsidere esta decisión aquí en Galicia, onde, como dicimos sempre, non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”.
Na carta á que tivo acceso EFE, o conselleiro de Xustiza incide en que a postura é compartida polos principais axentes do ámbito xudicial, que xa mostraron “unha profunda preocupación polo impacto que esta medida tería na calidade do servizo xudicial na comunidade galega."
Calvo advirte de que os xulgados de instrución da Coruña e Vigo son fundamentais para xestionar a carga xudicial nestas cidades, e a súa supresión suporía un "prexuízo directo pra a cidadanía e o conxunto do sistema xudicial galego". Por ende, demanda ao ministro que explore alternativas que permitan dotar de recursos suficientes os xulgados especializados sen debilitar a estrutura xudicial existente, garantindo así unha xustiza áxil, eficiente e comprometida coa loita contra a violencia de xénero.
"Reiteramos a nosa plena disposición a colaborar contigo e co Ministerio para atopar solucións que respondan a estas necesidades", expón Calvo, que confía en que "esta petición atope eco" no compromiso que Bolaños di manter "cunha xustiza de calidade".