Caen todos os indicadores da pandemia en España, excepto os falecementos
Hai que ter en conta que os datos dos martes sempre acusan os atrasos nas notificacións de falecidos da fin de semana
.png)
A incidencia da covid–19 volve caer este martes, por segundo día consecutivo, e sitúase en 3.267 (144 casos menos ca onte), á vez que se reduce en tres décimas a ocupación hospitalaria (15,4 %) e en sete a das UCI (23,2 %), nunha xornada en que se rexistraron 382 mortes, unha cifra que non se alcanzaba desde febreiro de 2021.
Segundo a actualización de datos do Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas houbo 114.877 novos contaxios, hai 303 enfermos de covid–19 menos nos hospitais españois (o total é de 19.314) e o número de ingresados en UCI descendeu en 57 ata os 2.204.
Desde o pasado mes de febreiro, na baixada da terceira vaga da pandemia, as comunidades autónomas non reportaban unha cifra tan elevada de falecidos en 24 horas, aínda que hai que ter en conta que os datos dos martes sempre acusan os atrasos nas notificacións da fin de semana.
Segundo Sanidade, nos último sete días rexistráronse 702 falecementos por covid–19, dos cales 95 tiveron lugar en Andalucía, 85 na Comunidade Valenciana e 77 en Aragón. Pola contra, Cantabria é a rexión con menos decesos na última semana (6).
Todas as autonomías, excepto Asturias, Cantabria e a Comunidade Valenciana, rexistraron un descenso da transmisión a 14 días da covid–19 desde o luns.
Cataluña segue á cabeza das comunidades cunha maior presión nas súas unidades de coidados intensivos, que están ao 42,9 %, seguida de Aragón, co 33,7 %. Ademais, por encima da media nacional (23,2 %), tamén están as UCI das Baleares, Canarias, Castela e León, Comunidade Valenciana, Madrid, Navarra e País Vasco, e tamén as da cidade autónoma de Melilla.
Por grupos de idades, a maior incidencia séguese rexistrando na franxa de menores de once anos, con 4.599 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, seguida dos que teñen entre 30 e 39 anos (4.245), dos de 40 a 49 (4.150) e dos de 12 a 19 (4.149).
Os de idades comprendidas entre 70 e 79 anos (1.557), 60 e 69 (1.682), maiores de 80 (1.967) e entre 50 e 59 (2.909) son os grupos cunha incidencia inferior á media.