Caen os contaxios e as infeccións pero aumentan os ingresos por covid–19
Hai 691 enfermos nos hospitais, case cincuenta máis que as 24 horas anteriores
O Sergas notifica tres novos falecementos, que elevan a cifra de mortos pola pandemia a 2.972
Os positivos diarios detectados nas probas caen ata 3.082, (-1.832)
A evolución da pandemia en Galicia mantén a tendencia positiva nos indicadores canto a infeccións do virus activas e a positivos diarios, que nesta xornada caen e quedan próximos aos 3.000 novos contaxios. A nota negativa está nos ingresos en hospitais, que medran nunha cifra próxima aos 50 novos enfermos.
Deste xeito, os casos activos son, con datos das 18 horas do sábado, 57.567 persoas infectadas co virus da covid–19, 2.740 menos que as 24 horas anteriores. Tamén, e despois dunha xornada á alza, os novos diagnósticos detectados nas probas diarias realizadas son 3.082, que supoñen 1.832 menos que a xornada previa.
Pero aumenta a ocupación hospitalaria, con 691 pacientes ingresados, 48 máis que o día anterior. O maior incremento aparece cos ingresos en planta, con 645 enfermos en cuarto illado (+46), e tamén dúas persoas máis precisan atención permanente nas UCI, con 46 enfermos nestas unidades especializadas.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións caen en todas as zonas de Galicia, e Vigo baixa das 15.000 infeccións, mentres Santiago tamén se sitúa por baixo das 10.000. Os contaxios diarios tamén se reducen en todas as xerencias e ningunha chega xa ao milleiro de novos diagnósticos en 24 horas.
Pola contra as hospitalizacións aumentan en todas as áreas galegas, agás en Lugo, que ten tres pacientes menos en planta.
A Coruña : 12.360
Vigo : 14.935
Ourense : 5.671
Santiago : 9.963
Lugo : 5.916
Pontevedra : 6.057
Ferrol : 2.665