Veciños de Santa María de Guntín, nos Blancos, urxen o amaño do muro do cemiterio
Parte da estrutura derrubouse e deixou ao descuberto un nicho, o que fai perigar as tumbas que están baixo terra e varios panteóns
Parte dun muro do cemiterio da aldea de Pexeiros, no concello dos Blancos, derrubouse o pasado mes de novembro. Con el caeu parte dun nicho e outro corre a mesma sorte. A peor parte levárona as sepulturas en terra ao seren arrastradas pola forza das pedras.
Rosa amosa o seu enfado, pero non é a única. Aquí están enterrados veciños e veciñas de cinco aldeas desta parroquia de Santa María de Guntín e a veciñanza está preocupada de que veña todo abaixo.
O cura xa informou o bispado, pero falta a autorización de Patrimonio para poder levar a cabo a súa reconstrución.
Lamentan que a burocracia non respecte a memoria dos seus familiares. Dende o bispado aseguran que contan coa autorización de Patrimonio pero están pendentes de que lles sexa remitida para poder comezar os traballos de reconstrución.
A veciñanza só agarda que non demore máis. O muro non soportaría un novo inverno.