Cacharrón suxeita o Pontevedra, que recupera o liderado
O porteiro parou un penalti co 0-0, os de Ángel Rodríguez gañaron 3-2 e coa picada do Unión Adarve regresan a ese posto de ascenso directo
O partido en que o Pontevedra conseguiu o liderado comezou cun penalti en contra. Derruba de Soto a Pana, cartón amarelo para David Soto. Lanza Pana e para Pablo Cacharrón.
Tan só cinco minutos despois, gran xogada de Álex González, centro, e gol de Oier Calvillo, que bate cun remate picado a Adrián Torre. O seu primeiro gol da temporada.
No 24, Rufo para a pelota, encontra a Miguel Román e cun soberbio lanzamento supera ao porteiro do Langreo. Dous a cero, Román, un futbolista en progresión.
E antes de gastar media hora chegou o terceiro. Marca Rufo, no 31, para os de Ángel Rodríguez. Rufo bate a Torre tirando proveito dun pase de Brais Abelenda.
A dez para o descanso chegou o 3 a 1: marcou David Iglesias. O Pontevedra tiña que seguir vogando porque o Langreo volvía ao partido.
Pero no segundo acto volveron as oportunidades locais. Oier Calvillo, Abelenda... E as dúbidas chegaron a dez para a conclusión: gol de Dorian a pase do ex do Pontevedra Jorge Hernández.
A falta de tres xornadas o Pontevedra é líder con dous de vantaxe sobre o Adarve.