Buscan xogadores de todas as idades para os clubs de petanca de Pontevedra
Insisten en que non é unha práctica só para maiores e xubilados
Apuntan que ofrece moitas posibilidades para socializar e gozar ao aire libre
Botar un cacho cos compañeiros, facer exercicio e por que non, sacar algo da nosa vea competitiva. Os clubs de petanca de Pontevedra buscan novos xogadores.
José Carlos Simón é o residente do Club O Pote, recoñece que "por motivos de enfermidade e falecemento doutros membros, estamos quedando sós. Facemos un chamamento, non nos importan as idades, dende os 18 anos aceptamos a todos."
Os equipos van por parroquias e, aínda que nalgúns sobra xente, outros quedan xustos. Queren acabar co estereotipo dun xogo para maiores.
"Cren que a petanca é de xente xubilada, xente maior, e é unha mentira. A petanca é de todas as idades. Colaboramos cos colexios. Hai profesores de educación física que están introducindo a petanca nas escolas", explica José Luis Gallego, presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra.
Din que engancha, polo propio xogo, pero tamén por todo o que o rodea, incluídas as celebracións en furanchos. Para os que se animen contan cun teléfono (679196912) e un correo electrónico (agrupacionpetancapontevedra@yahoo.com) para apuntarse nun dos clubs de petanca de Pontevedra.