Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ascenden a oito as persoas falecidas pola riada na illa italiana de Ischia

Ascenden a oito as persoas falecidas pola riada na illa italiana de Ischia

O perativo de rescate segue buscando a catro persoas desaparecidas

Entre as vítimas mortais hai un cativo, unha nena e un meniño acabado de nacer

O Goberno de Meloni declara o estado de emerxencia e destina dous millóns a axudas

 

Unha maquina retira lama nunha rúa de Casamicciola, na illa italina de Ischia
G24.gal 27/11/2022 09:44 Última actualización 28/11/2022 14:15

O reconto provisional tras o corremento de terra da madrugada do sábado rexistrado na illa italiana de Ischia ascende a oito vítimas mortais, mentres prosegue a procura de polo menos outras catro persoas desaparecidas.

Os equipos de rescate atoparon hoxe o cadaver dun home, a oitava vítima, na localidade Casamicciola, a máis afectada polo desprendemento de terras do sábado pasado.

Este domingo localizáronse seis cadáveres, entre eles, o dun bebé, unha anciá e unha nena duns anos que estaba no cuarto dunha das casas arrasadas pola riada. 

O mesmo sábado toparon o corpo da primeira falecida, identificada como Eleonora, de 31 anos, que vivía no lugar co seu mozo, aínda desaparecido.

Ademais, hai catro persoas feridas e 230 desprazadas. Os traballos de busca dos desaparecidos céntranse agora no soto dunha das casas arrasadas polo desprendemento de parte dun outeiro por causa da riada. Acceder a este soto está sendo difícil porque primeiro é necesario limpar o camiño de acceso.

A zona sepultada polo desprendemento está sendo rastrexada coa axuda de cans adestrados, mentres equipos de submarinistas comproban que non hai ninguén atrapado nos vehículos arrastrados ata o mar.

O Goberno italiano decretou o estado de emerxencia e aprobou un paquete de axudas de dous millóns de euros para os afectados.

Tralo derrubamento aumenta a polémica polas amnistías concedidas por irrregularidades urbanísticas na illa. Neste momento, un terzo das 60.000 casas de Ischia teñen pedida unha anmistía porque foron construídas onde non se debía.

Estado de emerxencia

O Goberno de Italia declarou o estado de emerxencia na illa de Ischia tras o episodio de chuvias torrenciais que provocou esta traxedia. Ademais, investirá dous millóns de euros en primeiras medidas de auxilio e prevención.

Será un primeiro desembolso para axudar a poboación da localidade de Casamicciola Terme, unha das seis localidades da illa volcánica, situada fronte ao golfo de Nápoles, que quedou devastada polo desprendemento dunha parte do monte Epomeo.

Esta disposición, aprobada polo Consello de ministros e anunciada polo titular de Protección Civil Nello Musumeci, irá acompañada pola institución dun grupo técnico encargado de facer un estudo total das numerosas zonas en risco hidroxeolóxico de todo o país.

Para poñer en marcha as primeiras intervencións, o Goberno de Giorgia Meloni elixiu a actual rexedora de Casamicciola, Simonetta Calcaterra, como comisaria extraordinaria para dirixir os labores mentres dure o estado de emerxencia, aproximadamente un ano.

Adaptación ao cambio climático

O Consello de Ministros comprometeuse a aprobar antes de que termine este ano o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático, un documento que recolle as zonas en risco hidroxeolóxico e sísmico presentado no 2018 e nunca aprobado.

"Non poderemos facer prevención se non temos previsións", sostivo o ministro Musumeci, para tachar de "incrible" que non se aprobase aínda malia os frecuentes tremores e corrementos que se rexistran no país.

"Está claro que o noso territorio padece a falta de planificación e os informes seguen nos caixóns e non dan lugar á fase das intervencións", lamentou.

Por esa razón, Meloni ordenou a creación dun grupo de traballo interministerial que recade os recursos financeiros existentes para afrontar "a emerxencia hidroxeolóxica nacional" en apoio dos municipios, "empezando polos máis pequenos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar