Buscan dous heroes que evitaron un incendio nun bar do barrio coruñés de Matogrande
A rápida intervención desas dúas persoas fixo que os danos non fosen irreparables
A Policía Nacional xa se encarga da investigación para poder dar co autor dos feitos
"Por favor, aparecede. Estamos moi agradecidos. Non sabedes o importante que é o que fixestes. E seguramente fixérono dun xeito totalmente desinteresado".
É a mensaxe que Daniel Gómez, un dos propietarios de La Sazón, lles manda aos dous heroes que evitaron que o seu negocio fose devorado polas lapas e tamén danos irreparables.
"Xusto pasou un veciño, chamou os bombeiros e un taxista apagou as lapas cun extintor. A verdade é que ía incendiar todo o inmoble e xusto enriba hai unha vivenda de anciáns", engade Daniel.
A cámara de seguridade do negocio gravou o momento en que un home encapuchado verteu un líquido no adorno floral da entrada para despois prenderlle lume. Os danos materiais son cuantiosos.
"Cremos que rozan os quince mil euros. Queimouse un dos toldos e estalou o cristal. Menos mal que o apagaron porque de non ser así as lapas entrarían no local e xa sería moi difícil de controlar", di Daniel.
A Policía Nacional xa investiga o sucedido para poder dar co autor dos feitos.