Burela e Noia xogarán a permanencia na LNFS nunha última xornada dramática
O Burela parte cun punto de vantaxe, pero no empate final o que se salva é o Noia
Fallaron os dous equipos galegos na xornada da Liga Nacional de Fútbol sala e terán que xogarse a permanencia entre eles nunha dramática última xornada. O Burela, con 27 puntos, parte cunha pequena vantaxe. O Noia, con 26, terá que sumar cando menos un punto porque o empate final dálle a permanencia.
O Noia estragou unha gran oportunidade para depender del mesmo. Empatou na casa diante do xa descendido Sala 10 Zaragoza (3-3) nun partido no que entrou gañando no último minuto. Sempre foi por diante o equipo do Barbanza que se adiantou ata en tres ocasións cos goles de Pirata (3'), Montero (16') e Pazos (35'). Nando Torres resultou a besta negra do cadro noiés con outros tres tantos (10' 32' e 40') que deixan aos de David Palmas nunha situación complicada. Na última xornada visitan a pista do histórico Inter Movistar.
O Burela Fútbol Sala puido salvarse nesta penúltima xornada pero acabou perdendo na casa diante do El Pozo Murcia. Ao descanso gañaba por 2-0 (dobrete de Juninho), un resultado que aseguraba a permanencia. O El Pozo reaccionou no segundo tempo e cos goles de Esteban (25'), Valerio (34') e Marcel (38') deulle a volta ao resultado e deixa todo pendente do derradeiro partido que xogarán na pista do Cartaxena.