Bruxelas propón activar axuda do Fondo de Pesca para compensar o sector
"Isto permitirá comezar a utilizar o mecanismo con carácter inmediato", indicou o comisario de Pesca da UE
Luis Planas formulou unha serie de peticións que apoiaron uns 20 países

A Comisión Europea ten previsto propoñer a activación do mecanismo de crise previsto no regulamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), como pediu España, para compensar a suba dos prezos do gasóleo, unha situación que está tendo un importante impacto sobre o sector pesqueiro europeo.
O asunto abordouse este luns nun Consello de ministros de Agricultura e pesca, en que o titular español Luis Planas formulou unha serie de peticións que foron apoiadas por máis de vinte países.
A activación do artigo 26 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca permite dar unha "axuda inmediata", tendo en conta que se dan as circunstancias previstas para poñer en marcha ese mecanismo, sinalou o comisario de Pesca Virginijus Sinkevičius.
Isto permitirá compensar os operadores de pesca polos ingresos perdidos e os gastos adicionais e as organizacións de produtores que apliquen o almacenamento previsto na Organización Común dos Mercados, dixo o comisario.
Precisou que a idea é que ese mecanismo se prolongue desde o pasado 24 de febreiro, cando comenzou a invasión rusa de Ucraína, ata finais de ano.
"Isto permitiría comezar a utilizar o mecanismo con carácter inmediato", indicou Virginijus Sinkevičius.
Falou tamén doutras posibles medidas en relación coas axudas do Estado.
Lembramos que a frota pesqueira española permanecerá amarrada ata este mércores 23 de marzo, cando a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores manterá unha reunión co ministro Planas.