Markus Howard axustiza o Breogán cunha tripla no último segundo (76-74)
O Breogán foi por diante durante 39:59 e chegou a ter 16 puntos de marxe, pero a estrela do Baskonia apareceu no último intre para anotar a tripla da vitoria
O Breogán perdeu un partido en Baskonia no que traballou moito e ben, no que mandou durante 39 minutos e 59 segundos pero unha tripla no último segundo de Markus Howard, irmán do obradoirista Jordan, deixou o triunfo na casa (76-74).
O primeiro cuarto do Breogán resultou perfecto. Un parcial de 0-8 de inicio e unha diferenza que chegou a ser de ata 16 puntos (6-22) grazas ao acerto no lanzamento de tres -5/7 nas triplas- e a unha defensa magnífica. Nos primeiros dez minutos o resultado era dun 13-27 esperanzador.
Espertou o canoneiro Markus Howard no segundo cuarto con 14 puntos (3 triplas) que meteron no encontro a Baskonia. Conseguiu poñerse a catro (33-37) a poucos segundos do descanso. O partido seguiuse apertando e os locais buscaban culminar a reacción (48-49), intre no que o Breogán encadeou un parcial de 0-8 en menos de trinta segundos que volveu abrir outra pequena fenda (48-57).
Baskonia facía a goma (58-62), pero o Breogán aguantaba o acoso e nunca perdeu a dianteira no marcador acadando parciais que lle permitían manter a diferenza (60-68). Unha canastra de Sergi Quintela poñía un +7 (67-74). A trinta segundos do final Marinkovic anotou unha canastra incrible para poñerse a un só punto (73-74). O Breogán tivo na súa man gañar o partido, pero a canastra de Sakho foi fóra de tempo a 4 segundos para o final. A última posesión foi para os locais e aí decidiu o xenio Markus Howard. Anotou unha tripla marca da casa que deixou en nada o gran partido dos de Mrsic.