Borja Iglesias: "A tempada é boa, pero agora temos o final para soñar con algo bonito"
O panda gaña o seu primeiro premio Estrella Galicia tras pechar un mes excepcional
Borja Iglesias gaña o seu primeiro premio Estrella Galicia tras pechar un mes excepcional. O canteirán foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do R. C. Celta do mes de abril tras impoñerse na fase final da votación a Fran Beltrán, Javi Rodríguez e Yoel Lago.
“É moi bonito vivilo pero, sobre todo, poder axudar ao equipo para sumar e para seguir gozando“, recoñece Borja ao recibir o premio
Este recoñecemento pon a guinda a un mes de abril que seguro será inesquecible para o futbolista galego que, no encontro ante o FC Barcelona, anotaba o primeiro hat-trick da súa carreira en Primeira División, un momento moi bonito do que confesa que queda “coa maneira en que o celebraron os meus compañeiros, parecía máis deles que meu“.
Un recoñecemento no que Borja subliñou os valores que definen ao vestiario celeste: unión, compañeirismo e o equilibrio entre mocidade e experiencia. O dianteiro quixo destacar a enerxía, talento e capacidade de aprendizaxe dos xogadores máis novos que contribúen a unha atmosfera de traballo moi positiva. Unha comuñón moi bonita, nun grupo que “gozamos do día a día” e con esa mesma ilusión chegan a final de tempada con licenza para “soñar por algo bonito“.