Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bo percebe e topes cubertos no primeiro día marisqueo no Roncudo

Bo percebe e topes cubertos no primeiro día marisqueo no Roncudo

O mal tempo fixo que fose máis traballoso e que só se puidese ir ás zonas altas das pedras

O percebe do Roncudo vai todo para a festa do Percebe de Corme
G24.gal 29/06/2022 14:20

Foron algo máis de trinta os mariscadores e mariscadoras de Corme os que comezaron este mércores a campaña de percebe no Roncudo, tres días dun dos tramos costeiros de maior tradición e máis emblemáticos da Galicia.

O tempo non acompañou neste primeiro día de recollida do percebe no Roncudo. O mar está moi bravo para ser esta época do ano. Os percebeiros din que teñen que traballar na superficie das pedras, mentres que o percebe grande está máis abaixo. Con todo, viñeron aquí cumprir con esta tradición que se repite dúas veces ao ano, que é recoller o mellor percebe do mundo.

O tope de percebe que poden coller é de seis quilos por persoa. Teñen que conseguilo en pouco máis de dúas horas, o tempo en que a marea baixa permite acceder ás rocas onde están os percebes. Hoxe ía mal tempo e fan falta axilidade e reflexos para ter un ollo posto na pedra e outro no mar

"Comezamos a semana no Roncudo con un día bastante malo, hai mar e marea morta, pero ao levar seis meses vedado deixounos traballar ben, collemos bo percebe e collemos os topes tranquilamente. O percebe que sae de aquí está xa vendido vai para festa do percebe. Compra a mesma persoa que compra todo o ano e xa nos coñece a todos", afirma Roberto Vidal, patrón maior de Corme.

Din que o segredo deste percebe está en que o mar golpea con moita bravura na pedra e ademais teñen seis meses para medrar. Por iso, pola súa calidade e tamaño, son os máis valorados. Traballarán durante tres días, dependendo da cantidade de percebe que teñan as pedras, poden recoller outros días en agosto. Aquí accédese só dúas veces ao ano, en xullo e no Nadal. Este ano volven á normalidade despois da pandemia.

"Tivemos uns seis meses entre o confinamento e así difíciles pero despois moi ben, tivemos moi bos prezos durante todo o ano e tivo saída o percebe. A festa si que estivo dous anos paralizada", di Vidal.

O mellor para probar os primeiros é pasar pola Festa do Percebe de Corme que se celebra no peirao da vila esta fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar