B. Iglesias: "Sorpréndeme que deamos máis importancia a parar unha carreira que a un xenocidio"
Tamén recoñeceu que o seu desexo sempre foi regresar a Balaídos
O dianteiro do Celta Borja Iglesias saíu este xoves en defensa dos miles de persoas que se están mobilizando durante o transcurso da Volta a España para protestar pola presenza na carreira ciclista do equipo Israel Premier-Tech.
“Sorpréndeme que lle deamos máis importancia a parar un evento deportivo que a un xenocidio, por exemplo. É algo que non termino de entender moito”, afirmou o atacante do equipo celeste.
Neste sentido, o exfutbolista do Betis dixo que ten “moi presente” o que está a suceder na Franxa de Gaza e por iso entende o enfado de todos os manifestantes.
“É algo que está moi presente na vida de todos. Somos moi conscientes da situación que estamos a vivir. Ás veces hai que parar, reclamar algo que é obrigatorio, que son os dereitos humanos e o respecto. Calquera situación é boa para tentar facer disto algo mellor”, declarou.
Nunha longa comparecencia ante os xornalistas, o futbolista santiagués recoñeceu que o seu desexo sempre foi regresar a Balaídos, o que non impediu que durante o verán vivise momentos de “dúbidas” porque non dependía unicamente del.
“Moitas veces hai cousas que nin tan sequera os protagonistas temos a posibilidade de manexar. Por iso, agradecer tamén o esforzo que fixeron o Celta e o Betis para que todo saíse como eu quería”, manifestou o dianteiro.
Tampouco escondeu a importancia que Claudio Giráldez tivo para a súa continuidade en Vigo.