Publicador de contidos

Publicador de contidos

Biden prevé endurecer o acceso ás armas nos Estados Unidos

Biden prevé endurecer o acceso ás armas nos Estados Unidos

Revisaranse máis os antecedentes dos compradores e incautaranse as armas a persoas potencialmente perigosas

G24.gal 14/03/2023 19:00

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, asinou este martes unha orde executiva en que anuncia novas accións para endurecer o acceso ás armas de fogo no país.

Biden ten previsto dar máis detalles das súas medidas durante unha visita a Monterey Park (California), onde un tiroteo acabou coa vida de 11 persoas o pasado mes de xaneiro.

Apoio a sobreviventes de tiroteos e ás súas familias

A orde executiva, feita pública pola Casa Branca, ten como obxectivo reducir a violencia armada con melloras para apoiar sobreviventes de tiroteos e familiares de vítimas durante os seus procesos de recuperación da saúde mental.

Para iso, a Secretaría de Saúde e a Fiscalía Xeral deberán presentar á Presidencia unha proposta con ese obxectivo antes do 15 de setembro deste ano.

Refórzase a revisión dos antecedentes penais dos compradores

Ademais, Biden endurecerá a lei que obriga os vendedores a verificar os antecedentes penais de todo potencial comprador.

"Esta medida significa que se venderán menos armas sen unha revisión de antecedentes penais e, por tanto, haberá menos armas que acaben en mans de criminais e abusadores", dixo unha funcionaria da Casa Branca, que adiantou as accións nunha chamada con medios.

Confiscarán armas a quen represente un perigo

Á súa vez, Biden anunciará que o Goberno vai poñer en marcha campañas de información sobre as denominadas leis de "alerta de perigo (Red Flag)", que permiten activar un procedemento legal para confiscar as armas de fogo de quen represente un perigo para terceiros ou para si mesmos.

Especial atención aos menores

Con respecto aos fabricantes, Biden pedirá á Comisión Federal de Comercio elaborar un informe sobre como estas empresas promoven o uso de armas de fogo entre os menores de idade.

En xuño cumprirase un ano desde que o Congreso aprobara un limitado pero histórico acordo lexislativo para o control das armas de fogo.

Esa lei incluíu unha revisión do proceso de compra de armas para os menores de 21 anos e estableceu incentivos para os estados que aprobasen as chamadas leis de "alerta de perigo".

Con todo, este tipo de restricións atopouse coa oposición dalgúns membros do partido republicano, quen argumentou que viola os dereitos constitucionais.

O pasado 21 de xaneiro, un home matou 11 persoas na cidade de Monterey Park, a 15 quilómetros dos Ánxeles, e suicidouse pouco despois cando foi acurralado pola policía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade