Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden e Sunak abordan en Londres a evolución da contraofensiva en Ucraína

Biden e Sunak abordan en Londres a evolución da contraofensiva en Ucraína

O presidente dos Estados Unidos reuniuse despois co rei Carlos III para abordar a crise climática

G24.gal 10/07/2023 16:09 Última actualización 10/07/2023 20:10

O presidente dos Estados Unidos Joe Biden e o primeiro ministro británico Rishi Sunak trataron este luns nunha reunión en Londres o progreso da contraofensiva en Ucraína e a importancia de apoiar ese país para que poida gañar a guerra fronte a Rusia, informou Downing Street nun comunicado.

Para o cumio da OTAN que empeza este martes en Lituania, Biden e Sunak estiveron de acordo na necesidade de asegurar que Suecia poida ter unha rápida incorporación á Alianza Atlántica.

"O primeiro ministro e o presidente Biden tamén abordaron o contexto xeopolítico máis amplo, mesmo no Indopacífico e Irán", engadiu a nota.

Entre outras cousas, Biden e Sunak dialogaron sobre os progresos realizados desde a chamada Declaración Atlántica, o primeiro marco para unha asociación económica entre o Reino Unido e os Estados Unidos.

"Dende a última reunión do primeiro ministro e o presidente Biden na Casa Branca (en xuño), comezamos a traballar nun Acordo de Minerais Críticos entre o Reino Unido e os EUA, e o Grupo de Acción Conxunta sobre Seguridade Enerxética reuniuse para comezar a traballar no fortalecemento das nosas cadeas de subministración de enerxía limpa", puntualiza o comunicado.

"O primeiro ministro tamén puxo ao día a Biden sobre o Cumio de Intelixencia Artificial no Reino Unido que terá lugar este outono e agradeceu o forte apoio do presidente á iniciativa".

Esta é a primeira visita do xefe de Estado dos EUA ao Reino Unido desde a que fixo o pasado abril con motivo da celebración dos 25 anos da sinatura do acordo de paz de Irlanda do Norte.

O encontro deste luns tivo lugar despois da polémica sobre a decisión dos EUA de forneceren bombas de acio a ese país.

O Goberno británico distanciouse desa decisión despois de que Sunak indicase que o Reino Unido se opón a estas bombas ao ser parte da convención que as prohibe, asinada por 123 países.

Despois do seu encontro con Sunak, o presidente Biden reuniuse co rei Carlos III no castelo de Windsor.

Ambos falaron cos participantes dun foro que busca encontrar a maneira de recadar fondos para axudar os países en desenvolvemento a faceren fronte á crise climática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade