Benítez apela aos números: "Non temos datos de equipo de descenso, estamos por diante do City en tiros"

Recoñeceu que falou con Aspas tras o partido e durante a semana

Foto EFE
G24.gal 26/10/2023 11:55 Última actualización 26/10/2023 12:07

O técnico do Celta, Rafa Benítez, segue trasladando a mensaxe de que o equipo está ben e a confianza en que reverterán a situación actual. Na véspera de visitar ao colíder, o Xirona, e co seu equipo en descenso, o madrileño sinala que están "ben en canto a actitude, intensidade. Ves un equipo, como nos partidos, que quere competir e gañar. Iso déixate tranquilo".

Sen ocultar que a situación non é a esperada, subliña que "os indicadores son de que o equipo segue traballando, compacto, unido. Iso faiche ser positivo". Detallou o técnico que analizan o equipo en todos os ámbitos "técnico, físico, táctico, de cohesión...".

"Os datos son bos, non temos datos de equipo de descenso. Estamos por diante do City en tiros a porta, somos o único equipo nesta situación (descenso) con eses tiros a porta. Temos que mellorar a precisión, pero non perdemos só por iso, perdemos polos que encaixamos".

No relativo á cuestión arbitral, foi preguntado pola reunión de Marián Mouriño co máximo responsable do estamento arbitral, Medina Cantalejo, un encontro ao que tamén asistiu Juan Carlos Calero.

"Temos moitísimo respecto aos árbitros. Explicáronnos situacións, non estou de acordo en moitas delas, pero hai que seguir traballando para que se equilibren as cousas e caia a pelota do noso lado". 

 

Respondeu tamén Benítez sobre o enfado de Iago Aspas ao ser substituído fronte ao Atlético. Falou con el tras o partido e durante a semana.

"Iago ten que ser unha referencia en todo o bo, axudar, sumar. Cando crees que podes botar unha man, estás molesto".

Segue confiando en que chegarán os seus goles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade