Beltrán: "Teño unha filla que é galega e non quero que vexa que non conseguín a permanencia"
Non oculta que o partido ante o Barcelona é "a última bala"
Fran Beltrán pasou este venres por sala de prensa da Cidade Deportiva Afouteza onde se mostrou convencido de que lograrán a permanencia. Sincerouse sobre o momento en que caeron na relaxación e sobre a reunión que mantiveron, en que os integrantes do equipo deron os seus puntos de vista e da que saíron reforzados, apuntou. O centrocampista, que está a saír dunha lesión, comezou preguntado por este asunto:
"Síntome ben, creo que mentalmente estou mellor que fisicamente. Atópome case ao 100 %. Quedan dous días para estar a lume de biqueira e deixar a vida. Síntome con moitas ganas de que chegue o domingo", expresou.
Non oculta que este partido é "a última bala. A xente está metida ao 100 %, con moitas ganas de que chegue, é palpable":
"Estou convencido de que imos facer un gran partido, gañar e conseguir a permanencia".
Tamén se lle preguntou sobre a reunión con Luís Campos do martes:
"Non fai falta que nos diga o que é importante para o club. Se o club descende, nós estamos prexudicados, pero tamén a xente que traballa aquí e na sede, empresas externas... Esa xente vese afectada".
Si contou que o que o asesor deportivo externo quíxolles transmitir é que estean unidos, que "hai tempadas malas e hai que sacalo".
Beltrán emocionouse falando da súa filla:
"Teño unha filla que é galega e non quero que o día de mañá vexa que o seu pai non conseguiu a permanencia, senón que vexa que o seu pai deixa ao equipo en Primeira. Ímolo conseguir".