Publicador de contidos

Publicador de contidos

Belarra critica as palabras de Roig; Calviño cre que se sacaron de contexto

Belarra critica as palabras de Roig; Calviño cre que se sacaron de contexto

O presidente de Mercadona dixo que os seus supermercados subiron os prezos "unha burrada"

G24.gal 15/03/2023 15:12

O prezo dos alimentos, que subiron un 16% no último ano, volveu acaparar a sesión de control ao Goberno. A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurou que dende o Goberno van seguir tomando "todas as medidas posibles para que España se siga mantendo, como xa estamos, coa inflación máis baixa de toda a UE".

Pero a ministra non apuntou ningunha medida concreta e puxo o foco nos supermercados. "Non se trata dunha cuestión que haxa que abordar soamente desde o Goberno, ten que haber tamén unha colaboración e unha responsabilidade do sector privado", apuntou a número dous do Goberno.

Precisamente, a oposición queixouse do trato que, na súa opinión, reciben do Goberno as cadeas de alimentación. "Ministros do seu Goberno van dicindo por aí que o presidente de Mercadona é un capitalista despiadado, unha empresa que mantén 95.000 empregos e 660.000 empregos indirectos... que falta de respecto aos traballadores!", díxolle o deputado do PP Carlos Rojas á ministra Calviño.

As palabras do presidente de Mercadona, apuntando que subiran os prezos "unha burrada" resoaron non só no hemiciclo, senón tamén nos corredores. Alí, a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra dixo que "as súas palabras retrátano". Para a tamén líder de Podemos, "non podemos deixar o prezo dos alimentos en mans de quen o único que busca é blindar os seus beneficios millonarios nun momento de crise económica".

Distinta interpretación fai a parte socialista do Goberno. María Jesús Montero, ministra de Facenda, cre que Juan Roig estaba tirando de "ironía" e que se "sacaron de contexto as súas palabras".

Montero asegura que non se poden limitar os prezos, como propón Podemos, e pide agardar a coñecer o impacto das rebaixas do IVE vixentes. Asegurou, ademais, "que a cadea de distribución non quedou con ese IVE".

Tamén entrou no debate a voceira do PP no Congreso. Para Cuca Gamarra, "centos de miles de familias non chegan a final de mes e onde debera estar a ministra dos Servizos Sociais sería en políticas que realmente axudaran as familias".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade