Letras 2026: Begoña Caamaño, a autora que reescribiu os mitos
A escritora viguesa asinou dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), en que revisa os mitos homéricos e artúricos en clave feminista
Segundo o presidente da Real Academia Galega, a obra de Caamaño "abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria"
A proposta de dedicar as Letras Galegas á xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014) partiu das académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei, en destaque da calidade literaria das súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) e Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012), e da fondura e compromiso do seu labor periodístico, nomeadamente na radio pública.
"Unha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística", resume o texto da candidatura presentada no plenario da Real Academia Galega (RAG).
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, abundan as propoñentes.
Resulta, desde este punto de vista, "unha obra para a ética, para o movemento, para o pensamento crítico, para un país e un idioma que cultivou con precisión e esmero", conclúen. A candidatura subliña a imposibilidade de delimitar seccións na súa traxectoria: “A constante implicación con causas sociais, culturais e políticas perfila unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e xenerosa determinación".
O presidente da institución, Henrique Monteagudo, subliña como a publicación da súa primeira obra, Circe ou o pracer do azul, "abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria".
Este debut, lembra Monteagudo, "constituíu unha magnífica sorpresa, que se viu dobrada cando pouco máis tarde viu a luz a súa segunda novela". "Engaiolándonos con relatos tecidos nunha prosa tersa, intensa e delicada, a autora apréndenos a remirar as dúas historias cunha ollada feminina", afirma.
"Escritora tardía, mais —talvez por iso— extraordinariamente madura xa na súa obra prima, o seu pasamento prematuro en 2014 tronzou unha carreira literaria fulgurante", asegura o presidente da Academia.
Poñer a voz
Na súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul, Caamaño inicia o camiño da reescritura de mitos desde a perspectiva feminista, e faino traendo das marxes ao centro dous personaxes da Odisea, Penélope e Circe, a dona e a amante de Ulises. No ronsel da Penélope de Xohana Torres (1929-2017), agora as protagonistas subverten os roles que a tradición lles atribuíra e tecen unha relación de complicidade.
Con Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética e completa unha novela contra a impunidade partindo doutro mito, a materia de Bretaña, e tomando prestados a voz narrativa e outros elementos de Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. “Quixen formular un debate contemporáneo, sobre que modelo de sociedade queremos”, explicou a autora sobre esta obra.
Esta peza, elaborada polo equipo do programa ZigZag de Televisión de Galicia para o especial das Letras, brinda a oportunidade de escoitar as reflexións da propia Caamaño sobre a súa escrita.
"Un lóstrego para acordar do desalento"
O crítico literario Ramón Rozas considera que a figura de Begoña Caamaño chega ao noso presente "como un lóstrego" para acordar do "desalento en que a deriva da nosa sociedade nos está a somerxer". "Recuperar a súa presenza é asumir un alento de rebeldía, compromiso e ousadía para resistir desde unha posición como a que ela mantivo que desde Galicia era quen de entender o mundo a través das súas diferentes culturas", sostén.
Rozas salienta, tamén no seu traballo xornalístico, a mirada cara ao exterior, o coidado na redacción e o devezo por facer da lingua galega "a canle emocional coa que prender no ouvinte".
"Chegaron Circe, Penélope e Morgana e todas elas formaron xunto a Begoña Caamaño unha tribo de sororidade que puxo patas arriba varios contextos míticos dándolles unha pátina de modernidade que se adiantou varios anos a este presente no que esa tribo medrou", conclúe o crítico.
"Lembro escoitarlle a Begoña Caamaño que sentía que os seus libros eran como as colchas tecidas de retallos vellos feitos cos refugallos das historias creadas por outros hai moito tempo", recorda a xestora cultural Helena Torres, quen considera que "a súa escrita feminista, observadora e orixinal nos agasallou coas novas vidas das mulleres silenciadas polos narradores clásicos; non as reinventa, recréaas con historias que nos son recoñecibles, familiares, que se estenden no tempo".
Torres asegura que as novelas de Caamaño foron "unha marabillosa novidade" no seu día e "así seguen sendo con cada nova lectura".
"Sérvese do mito artúrico para revertelo alí onde as mulleres buscan novos camiños, onde queren escoitarse pero sen intermediarios. A arañeira que tece a autora enléanos no debate de Ávalon: que tipo de mundo queremos, ata onde podemos chegar para conseguir un fin, en que consiste una república celta e a xustiza como ben universal", reflexiona a profesora Laura Goldar, coordinadora do club de lectura da librería Paz, en Pontevedra, .
"Morgana en Esmelle parece que estivera escrita desde unha perspectiva do panorama político actual con todas as grandes controversias que provoca", engade Goldar sobre a vixencia da obra.
'Circe ou o pracer do azul' foi o debut literario da escritora viguesa en 2009 (Arquivo TVG)
Unha carreira literaria fulgurante
A publicación de Morgana cadrou co diagnóstico do cancro que acabou dous anos despois coa súa vida. A súa segunda e derradeira novela foi recoñecida co Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) á mellor obra de narrativa 2012, o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013.
"Unha das aventuras máis apaixonantes da miña vida", así definía a escritora a súa andaina literaria nunha entrevista con María Solar no programa Zig Zag de Televisión de Galicia. Caamaño dixo sentirse "feliz e abrumada" polo entusiasmo lector e os recoñecementos os seus escritos e bromeou: "A ver quen escribe agora a terceira".
Sherezade no olimpo da lingua galega
No arquivo da autora consérvase documentación para os proxectos literarios que tiña en mente no momento do seu pasamento, entre eles a recreación da vida da súa bisavoa e unha novela arredor da figura de Sherezade.
O escritor Víctor Freixanes, director de Galaxia cando se publicaron as novelas de Begoña Caamaño, lembra aquela intención neste entrevista na Televisión de Galicia con Tino Santiago en 2014, pouco despois do pasamento da escritora, a quen denomina "a nosa Sherezade".
"Perdemos unha terceira gran novela", afirma a profesora e escritora Malores Villanueva en conversa con María Solar no programa Zig Zag de Televisión de Galicia, a teor da adscrición que fai de Caamaño ao "olimpo da lingua galega".
Publicacións e contidos audiovisuais conmemorativos
A celebración das Letras Galegas devolve as dúas novelas de Begoña Caamaño aos andeis das librarías na compaña das publicacións conmemorativas que afondan na traxectoria vital, literaria e profesional da escritora, xornalista e activista.
A editorial Galaxia informa de que tanto Circe como Morgana levan once reimpresións da edición orixinal e dúas máis da nova que acaban de publicar. Ademais, co gallo das Letras 2026, o selo Mar Maior acaba de sacar do prelo a tradución ao castelán de Morgana e prepara o lanzamento da de Circe.
Outros títulos de Galaxia en que dialogan a memoria e a creación contemporánea arredor da figura de Caamaño son A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás con ilustracións de Carlos Gallego; Begoña Caamaño. O transgredir das ondas, de Paula Carballeira, unha obra dramática xuvenil e Bego e o mundo do revés, de Iria Collazo López, con ilustracións de Alba Stinson. A mesma casa edita a biografía Volveredes brindar por min, de María Xesús Nogueira e Ana Romaní, e o volume Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, Alfa e Omega, de María Xosé Porteiro.
A editorial Xerais, pola súa parte, presenta dous volumes biográficos: Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto con ilustracións de Nuria Díaz, e Begoña ou o pracer da amizade, de Beatriz Maceda.
Os contidos audiovisuais, como o podcast Begoña Caamaño: Poñer a voz, do Colexio de Xornalistas de Galicia, e o documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, producido pola RAG e dirixido por Damián Varela e Alba López, forman parte do coro de voces que tecen o retrato da homenaxeada e das súas obras.
A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria María Xesús Nogueira é autora, coa xornalista e poeta Ana Romaní, da biografía Volveredes brindar por min (Galaxia, 2026). Nogueira, boa coñecedora da obra e da traxetoria de Caamaño, é unha das participantes no documental da Academia.
Na mesma peza audiovisual, a investigadora salienta a habelencia da reescritura dos mitos homéricos e artúricos na literatura feminista de Caamaño.
As homenaxes sucédense ao abeiro das Letras, e ademais, esta é unha celebración marcada pola influencia extraordinaria que o carisma de Caamaño segue exercendo sobre o seu círculo de amizades.
A cantante e compositora Uxía Senlle, estreou na Televisión de Galicia unha nova mostra da súa admiración e cariño por Begoña Caamaño, a súa amiga e referente.