Publicador de contidos

Publicador de contidos

O compromiso coa vida de Begoña Caamaño

O compromiso coa vida de Begoña Caamaño

A vida da autora celebrada no Día das Letras Galegas estivo marcada no profesional polo xornalismo, o sindicalismo e o compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres, a lingua galega e o pacifismo

Profesional da Radio Galega entre 1988 e 2012, Caamaño traballou nos servizos informativos e despois especializouse en xornalismo cultural

Publicou a súa primeira novela aos 45 anos e traballaba na terceira cando faleceu de cancro en 2014 

Especial sobre Begoña Caamaño en AGalega.gal

No Parque de Bonaval en 2009, en Santiago de Compostela (Arquivo de Sonia Díaz, vía RAG)
G24.gal 16/05/2026 21:00 Última actualización 05/05/2026 13:12

A autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), tivo unha vida intensa, marcada no profesional polo xornalismo, o sindicalismo e polo compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres, da lingua galega e do pacifismo.

Begoña Caamaño, segunda de catro irmáns, naceu o 14 de outubro de 1964 nunha casa do barrio vigués do Calvario. No perfil biográfico que traza a súa amiga, a escritora, xornalista e académica Ana Romaní, na páxina web da Real Academia Galega (RAG), descubrimos unha lectora precoz e voraz que atopou nesa paixón o camiño cara á escritura. 

"E por que leo? Leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia desde pequena. Porque tiven un avó que se inventaba historias. Porque tiven unha nai que cada noite sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías. Escribo porque leo”.

A familia lembrará con nostalxia aquel espazo singular do Calvario de vida ao aire libre cando o desenvolvemento urbanístico impulse o cambio de domicilio ás torres de edificios de Coia, como lle contou a súa irmá Beatriz a María Solar no programa ZigZag de Televisión de Galicia. 

A familia Caamaño Rascado. Begoña é a segunda pola esquerda (Arquivo persoal da autora vía RAG)

O activismo

A adolescencia é para Caamaño a descuberta do activismo nas mobilizacións estudantís.

"Tiven a sorte de ler a Homero de bastante pequecha, nesa idade en que aínda buscas nos libros un referente co que te identificar e que che faga vivir a historia en primeira persoa. E na Odisea non o tiña [...], xa daquela debía ter eu un mal costume que co tempo deveu en vicio, obsesión ou, cando menos, hábito moi pernicioso: necesitaba identificarme con raparigas. E, a poder ser, 'com raparigas um bocadinho rebeldes'.

"A reivindicación de dereitos e a mobilización por causas xustas acabará por conformar un dos trazos significativos da escritora que manterá durante toda a súa vida un constante debate sobre a xustiza, a ética, os dereitos, as opresións...", detalla Romaní. 

Arquivo persoal da autora Arquivo persoal da autora

A radio

Logo de rematar os estudos de Maxisterio na Escola Universitaria, Begoña Caamaño empeza a traballar na radio, medio que xa non abandonará nunca. Primeiro en Radio Noroeste, despois en Radio Popular e, desde 1988, na delegación de Vigo da Radio Galega. Para os servizos informativos segue as mobilizacións da frota pesqueira do Banco Canario-Sahariano, as folgas de Álvarez e as grandes manifestacións do naval. 

Logo de catro anos na delegación de Vigo trasládase a Santiago de Compostela onde desenvolverá o resto da súa actividade profesional ata 2012. Desde as instalacións de San Marcos exerceu un traballo sindical intenso que a levou a presidir o Comité Interempresas entre 2000 e 2003.

"Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país", sostén Romaní. "Convencida da función de servizo público do periodismo, tanto nos medios públicos coma nos privados, alertou sobre o efecto dos medios de comunicación de masas, o borrado das cousas importantes co que operan sometidos a outras axendas e intereses. A súa posición ilumina, no balbordo do actual territorio mediático, a urxencia por reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía."

Con Rosa Martínez no estudo da Radio Galega en Vigo (Arquivo persoal da autora vía RAG) Con Rosa Martínez no estudo da Radio Galega en Vigo (Arquivo persoal da autora vía RAG)

Feminismo

O feminismo é o eixe do seu pensamento e da súa biografía. Con afán transformador, Begoña Caamaño tomou parte activa en movementos e organizacións, como Mulheres Nacionalistas Galegas, a Marcha Mundial das Mulleres (que representou en diversas instancias internacionais en Montreal ou Porto Alegre), colaborou en publicacións como Festa da Palabra Silenciada, Deliberadamente, A Nosa Terra, ou Tempos Novos, formou parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar! e participou na constitución da Asociación Mulleres Galegas na Comunicación.

En conferencias, artigos, xornadas, mesas, coloquios e manifestos abordou o antimilitarismo, a insubmisión, contra a violencia de xénero, a favor do aborto, na defensa da sanidade e o ensino público, contra a xestión e consecuencias do Prestige e contra o decreto do plurilingüismo. Unha das súas últimas accións foi na plataforma Avante Galiza da campaña do BNG.

En 2012 nun dos seus últimos artigos, 'Aborto: unha cuestión de soberanía', interrógase:

"Poñemos sobre a mesa a raíz da cuestión e preguntamos: a quen pertence o corpo das mulleres?".

Con Ana Romaní un 8 de marzo (Arquivo de Mulheres Nacionalistas Galegas vía RAG) Con Ana Romaní un 8 de marzo (Arquivo de Mulheres Nacionalistas Galegas vía RAG)

O xornalismo cultural

As viaxes que nutriron á xornalista e á escritora foron tamén o piar dun dos seus últimos proxectos radiofónicos, Andando a Terra. O espazo de dúas horas semanais sustentábase nunha "minuciosa documentación" para acoller "o mundo na súa inmensa e marabillosa diversidade" a través de testemuñas directas, referencias históricas e culturais, perspectiva de xénero e vidas cotiás. 

Na última etapa da súa vida laboral, intégrase no equipo do Diario Cultural entre 2001 e 2003 e novamente de 2008 e 2010. No verán dese mesmo ano desenvolve os seus propios proxectos, ademais de Andando a Terra, os programas Club Cultura e Expreso de Medianoite.

No período do xornalismo cultural radiofónico de Begoña Caamaño "conflúen a rigorosidade e calidade estilística da redactora, a profundidade e amplitude de coñecementos da lectora, a sensibilidade e esixencia da novelista", define a biógrafa. "Curiosidade e vontade de saber" para reivindicar o xornalismo como coñecemento.

"E acaso das preguntas da xornalista e dos condicionantes da información abrolle a narradora. Explicou que na xénese de Circe ou o pracer do azul está unha pregunta: 'E se o que conta Homero non foi verdade?'”, incide Romaní.

Begoña Caamaño con Uxía Senlle nos estudos da Radio Galega en San Marcos (TVG) Begoña Caamaño con Uxía Senlle nos estudos da Radio Galega en San Marcos (TVG)

A narradora

Na biblioteca da rúa Casas Reais en Compostela escribe as primeiras liñas de Circe ou o pracer do azul. Recén chegada de Euskadi, onde residira co seu compañeiro Joxe Mari Etxaniz, e escribe, de xeito “case compulsivo”, a súa revisión de Homero. Cando publica en 2009 a súa primeira novela ten 45 anos.  

"Se en Circe ou o pracer do azul o relato da sororidade emerxe na revisión dos mitos, que é a do canon subvertido á luz dunhas figuras femininas con voz que se subtraen á historia, en Morgana en Esmelle propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética", sostén Romaní, quen tamén salienta o tratamento do idioma nas novelas. "Os modelos de lingua na súa narrativa e as opcións e escollas lingüísticas que reflicten artigos e conferencias evidencian a posición central que o idioma ten no seu pensamento e na súa biografía, atenta e con intensas conexións con Portugal, O Brasil e a lusofonía".

"O fundamental da cuestión do idioma é que, para alén doutras consideracións, nos interpela directamente sobre a nosa vontade de ser ou non ser un pobo".

Entrevista na TVG tras a publicación de Entrevista na TVG tras a publicación de "Morgana en Esmelle" (TVG)

“A vida foi tan boa comigo”

O diagnóstico do cancro que rematará coa súa vida cadra co nacemento de Morgana en Esmelle, en 2012. Nos seus arquivos repousan para sempre os proxectos literarios que preparaba, sobre súa bisavoa e arredor da figura de Sherezade, coa que tiña previsto pechar a triloxía sobre os mitos.

"A lectora atenta, a feminista que soña outro futuro, a xornalista rigorosa, a activista a reformular outro escenario de vida máis xusta, máis digna, máis libre están no substrato das súas novelas, reescritas dun pasado para este presente e para outro futuro. A literatura en Begoña Caamaño é outra forma de coñecemento, de liberdade, de reflexión e acción. É parte do seu proxecto, desa luminosa configuración da existencia sempre observando a construción dun mundo mellor desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a xenerosa complicidade dos afectos", conclúe Romaní o seu detallado perfil biográfico.

Begoña Caamaño faleceu o 27 de outubro de 2014, poucos días despois de facer 50 anos. Na súa carta de despedida ás súas amigas escribiu: "A vida foi tan boa comigo"

Begoña Caamaño nos anos 90 (Arquivo persoal da autora vía RAG) Begoña Caamaño nos anos 90 (Arquivo persoal da autora vía RAG)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade