Publicador de contidos

Publicador de contidos

Beatriz Gándara: "A escalada formou parte da miña rehabilitación tras o ictus"

Beatriz Gándara: "A escalada formou parte da miña rehabilitación tras o ictus"

Beatriz sufriu un ictus en 2018 que lle paralizou parte do corpo

A escalada axudoulle a recuperar parte da mobilidade. Hoxe é campioa de España en RP2

G24.gal 03/07/2023 21:23

Beatriz Gándara acababa de descubrir a escalada en 2018 cando un ictus a obrigou a darlle unha volta á súa vida. Tiña a metade do corpo paralizado, pero nada impediu que retomase o deporte no sitio en que o deixara. 

"Para a recuperación, a motivación é moi importante. Centreime na escalada para rehabilitarme", explícanos Beatriz. "É como se me esquecera de que teño un brazo e unha perna esquerda. Teño que forzar esas funcións. Non teño reflexo automático. Con estes exercicios conseguín que a parte esquerda do meu corpo se espila", descríbenos. 

Nese proceso de recuperación cobrou especial protagonismo Joel, o seu adestrador. Joel explícanos desta forma algún dos exercicios que practica con Beatriz. O adestrador emprega unha cinta elástica para forzar o movemento na perna esquerda da paraescaladora. "O que fago neste momento é tirarlle da perna afectada para desequilibrala e que teña que pisar de forma máis precisa", afirma. 

Un lastre na perna esquerda, despois un peso na man dereita. Exercicios deste tipo, canda a determinación e o sacrificio de tres anos de adestramento, converteron a Beatriz en campioa de España a finais do ano pasado. 

"Foi moi emocionante. Ves o traballo de todo o ano, de esforzo e implicación. Ves que dá resultados e ves a mellora física dela. Porque na súa vida cotiá mellorou física e mentalmente", cóntanos Joel emocionado. 

Esta fin de semana Beatriz compite na Copa de España en Xetafe. En agosto farao no Campionato do mundo en Suiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade