Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bateas da Arousa perden o 40 % do mexillón polo exceso de auga doce

Bateas da Arousa perden o 40 % do mexillón polo exceso de auga doce

Os máis afectados son os polígonos bateeiros que están máis próximos á desembocadura do Ulla 

A auga doce matou a cría e o mexillón adulto dos primeiros metros das cordas de engorde

Analizan os bancos marisqueiros tras os temporais

Calculan que hai catro metros de corda afectados, co mexillón morto ou moi débil
G24.gal 02/03/2026 14:16

"Todo morto, todo o marisco grande está morto, e moitos metros, tres ou catro metros para abaixo". Así resume a situación Fernando Galván, bateeiro de Rianxo. As cordas da batea onde engordan os mexillóns miden arredor de 10 metros e, case a metade "ten a boca aberta e bota a carne fóra, está todo morto", lamenta.

A situación repítese case en cada corda que levantan nas bateas, sobre todo nos polígonos máis próximos á desembocadura do río. Os mexillóns que xa estaban para vender, morreron polo exceso de auga doce. E temen polos que os que aínda sobreviven. "É que están débiles, e coa auga doce e os temporais, desploman -explica Fernando-. É moi serio, lévanos o pan de comer".

E se a auga doce matou os adultos, nin falar xa da desfeita que fixo coa cría. "Está toda morta", sentencia Antonio Vilasoa, bateeiro. Di que agora tócalles "esperar que marche a auga doce", e volver enrolar as cordas con cría nova.  Así que duplicarán traballo e gasto para repoñela, e iso se se pode, porque din que este ano tampouco hai cría nas pedras. Sen cría e cos adultos morrendo, dáse a tormenta perfecta. 

Lembran unhas riadas de auga doce semellantes ás deste ano en 2006. Di Jesús Méndez, presidente da asociación de Rianxo, que daquela houbo ata cinco metros de auga doce, que matou o mexillón, "pero había cría e puido repoñerse, tamén tiñamos toda a costa para collela, e agora non". 

A cría tarda cousa de seis meses en pasar á fase de engorde, e outros seis en chegar á talla comercial. Así que a preocupación é que a falta de cría comprometa a campaña do ano que vén. A deste, xa a prevén desastrosa na Arousa: "Hai perda de produción en quilos, e tamén económica, porque esa parte de arriba da corda é a "flor", o de máis carne, de mellor tamaño", explica Méndez. 

Eses tres ou catro primeiros metros afectados das cordas tamén son, en cantidade, unha perda significativa: calculan que nas bateas afectadas puido morrer xa o corenta por cento da produción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade